Valentín García participa en Donostia no encontro sobre multilingüismo para conmemorar o centenario do nacemento de Piñeiro e de Mitxelena

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Valentín García en Donostia

Valentín García en Donostia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na mesa redonda “É posible outra política lingüística nas institucións de España e de Europa?”, canda os seus homólogos vasco e catalá, Patxi Baztarrika e Ester Franquesa, respectivamente, dentro do programa do curso de verán “O lugar do éuscaro e das demais linguas nun contexto multilingüe, á luz das achegas de Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro”. O encontro, que organizaron a Xunta de Galicia e Eusko Jaurlaritza-Gobierno Vasco en colaboración coa Universidade do País Vasco/Euskal Herriko Univertsitatea e co gallo do centenario do nacemento de Ramón Piñeiro e de Koldo Mitxelena, desenvolveuse desde onte no Palacio de Miramar.

“Dado o novo marco globalizado no que nos movemos, as conquistas sociais para o galego ou para calquera das nosas linguas pasan necesariamente pola conxunción de esforzos, recursos e coñecementos entre institucións, empresas, grupos asociativos etc., dos que se require a súa implicación á hora de falar dunha nova política lingüística nas institucións”, destacou García Gómez durante a súa intervención, na que recordou que Piñeiro e Mitxelena “anticiparon un novo tempo que nós temos a responsabilidade de impulsar a prol dun Estado español plurilingüe que cómpre consolidar como riqueza común”.

García Gómez anunciou durante o transcurso do encontro -nunha rolda de prensa celebrada esta mañá e na que estivo acompañado polos responsables da política lingüística dos gobernos vasco e catalán e mais polo reitor da Universidade do País Vasco, Iñaki Goirizelalla- unhas segundas xornadas conmemorativas que se celebrarán en Santiago de Compostela en decembro para poñerlle o ramo ao centenario do nacemento de Ramón Piñeiro, no marco dos actos cos que a Xunta de Galicia lle rende homenaxe durante este ano ao “mestre do galeguismo”.

Homenaxe aos intelectuais impulsores da promoción do galego e do éuscaro

A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Eusko Jaurlaritza-Gobierno Vasco organizaron o seminario “O lugar do éuscaro e das demais linguas nun contexto multilingüe, á luz das achegas de Koldo Mitxelena e Ramón Piñeiro”, dentro dos cursos de verán da Universidade do País Vasco, co gallo do centenario do nacemento do político e intelectual galego Ramón Piñeiro e do lingüista impulsor do euskara batua Koldo Mitxelena, o 31 de maio e o 20 de agosto do ano 1915, respectivamente.

Ambos os dous intelectuais compartiron vontade e compromiso de dignificación e promoción de cadansúa lingua propia -o galego e o éuscaro, respectivamente-, mais tamén experiencias vitais –primeiro como estudantes universitarios en Madrid e, de 1946 a 1948, como presos nos cárceres de Alcalá de Henares e Yeserías, onde forxarían unha grande amizade.

Entre os relatores, amais de Valentín García, Patxi Baztarrika e Ester Franquesa, destacaron tamén os presidentes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, Xesús Alonso Montero e Ramón Villares Paz, respectivamente; os profesores Henrique Monteagudo, Fernando Ramallo e Francisco Caamaño; o presidente de Donostia Physics Center, Pedro Miguel Etxenike, e o director técnico da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD), Meirion Prys Jones.

O programa completo do curso -que congregou preto dun cento de participantes- propiciou un foro de debate e de reflexión arredor do contexto multilingüe actual e da situación das linguas minorizadas no devandito contexto e pódese consultar aquí http://bit.ly/1NjqR4c.

2 de setembro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.