publicidade hoxe

Usuarios do CPAP de Bergondo experimentan a navegación a vela da man de COGAMI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondo
A-
A+

Más de corenta persoas, repartidas en grupos de 8, e todas elas usuarias do Centro de Promoción da Autonomía Persoal do IMSERSO en Bergondo poderán experimentar e gozar das sensacións que produce a navegación a vela, favorecendo a formación náutica de vela-cruceiro, o desenvolvemento das súas capacidades no eido da náutica e promovendo a superación de barreiras.

O punto de embarque é o pantalán do Club Náutico de Sada, que presta a súa colaboración mediante a cesión do amarre, en horario de 11:00 a 13:30 horas pola mañá e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde. A actividade levarase a cabo do martes 22 ao xoves 24 de setembro.

Esta actividade forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) que organiza a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). O proxecto nace en 2002 para fomentar a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico- deportivas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño, xa que acceder a este tipo de actividades é complexo dada a escasa oferta de lecer e tempo libre adaptada na nosa contorna. 

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. 

O veleiro Laion foi incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e posteriormente cedido en garda e custodia á Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR), asociación membro de COGAMI. Dende entón, o Laion cumpriu todos os anos unha función de inclusión social a través do deporte de todas as persoas que se sumaron ao proxecto. 

22 de setembro de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.