Uns 750 escolares vilagarciáns achéganse ao mundo dos insectos a través da película “Minúsculos”
O Concello de Vilagarcía e a Asociación Española de Entomología colaboran para achegar o mundo dos insectos aos máis pequenos da cidade. Fanno a través da película de animación “Minúsculos. El Valle de las Hormigas Perdidas” que se proxectará hoxe luns, o martes e o mércores no Auditorio en sesións matutinas para escolares e pola tarde, a partir das 19:30 horas, abertas a todo o público e con entrada de balde.
As sesións escolares comezaron esta mañá. A Concellería de Educación ofertou a actividade a todos os colexios da cidade, sumándose á mesma catro centros. En total serán 744 nenos e nenas os que acudan ao Auditorio coas súas respectivas clases para coñecer a través das aventuras dunha xoaniña como viven e se organizan as colonias de formigas e como loitan por sobrevivir e buscar alimentos.
Os primeiros en ver esta divertida película serán os 122 escolares do CEIP A Escardia, coa sesión das 10:30 horas de hoxe, seguidos dos 57 alumnos do Centro de Educación Especial que terán un pase ás 12 da mañá. O martes ás 10:30 acudirá ao Auditorio 200 alumnos do CEIP A Lomba e 140 do Anexo A Lomba e o Mércores, ás 10 os 125 do vagalume.
As sesións de tarde tamén serán na sala principal do Auditorio, hoxe, mañá e pasado, a partir das 19:30 horas.
Esta actividade intégrase no programa das XXXII Xornadas de Entomoloxía que se celebran do 1 a0 3 de outubro no Auditorio n aman da Asociación Española de Entomología e a Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, da Universidade de Santiago de Compostela. O Concello colabora en ambos casos poñendo as súas infraestruturas á súa disposición.











