Uns 50 establecementos daranse cita na Feira Anual de Oportunidades do Comercio de Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+

A Feira de Oportunidades tense convertido nun evento de referencia para o comercio local. Nesta quinta edición serán cincuenta os establecementos que se darán cita. O crecente número de establecementos participantes e a importante demanda de establecementos de fora do municipio que queren participar no evento eque non poden ser atendidas por falta de espazo pon de manifesto o interese desta cita comercial.  Dende a organización, sen dúbida, preocupa como dar acollida a esta crecente demanda sen minguar  a calidade e espazos para que cada comercio poida presentar os seus produtos, polo que se estudará como ampliar a capacidade e seguir traballando pola consolidación este evento de apoio ao pequeno comercio.

Esta edición volve a celebrarse no último fin de semana de setembro, como xa era habitual, coincidindo sábado 26, en horario continuado de 10:00-22:00h,  e domingo 27 , tamén en horario continuado, de 11:00-21:00h.

Moda, calzado e complementos constitúen case o 50% das actividades que se darán cita nesta feira, pero son moitos os sectores que completarán a ampla e variada oferta comercial: electrónica, informática, telefonía, xoiaría, libros, artesanía, alimentación, fogar, decoración, mobles, viaxes e, como novidade desta edición, beleza. Polo que vale a pena achegar para aproveitar as oportunidades que se presentarán nesta feira.

A Alameda contará con espazos de xogos e actividades e incluso un espazo con gardería que facilitará a clientela poder realizar as compras na mentres os nenos quedan nun espazo acoutado ao coidado de monitores. As zonas de xogo libre son totalmente gratuítas e xunto ao palco de música disporase unha zona (Mini parque de atraccións)con atraccións feirais con vales de desconto que se poderán conseguir en todos os stands da feira.

21 de setembro de 2015 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.