Unhas 9.000 persoas chegan ao porto de Vigo a bordo do ‘Anthem of the Seas’ e o ‘Queen Elizabeth’
O Porto de Vigo recibirá hoxe a visita de preto de 9.000 persoas, que chegarán á cidade por mar, principal entrada de turistas estranxeiros. E farano a bordo de dous xigantes do mar: o ‘Queen Elizabeth’ e o ‘Anthem of the Seas’. O primeiro en atracar na Estación Marítima foi o ‘Queen Elizabeth’. Fíxoo ás 08.00, procedente de Southampton (Gran Bretaña) e está previsto que, sobre as 16.30, poña rumbo a Messina (Italia). De acordo cos datos facilitados polo buque, a bordo viaxan un total de 1.997 pasaxeiros de 23 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos (1.864 pax.), ademais de 986 tripulantes.
Algo menos madrugador foi o ‘Anthem of the Seas’. Procedente de Southampton (Gran Bretaña), ás 10.15 h. facía a súa chegada no Peirao de Transatlánticos, onde permanecerá até as 18.30 horas, momento no que partirá rumbo a Funchal (Madeira). Durante a súa estancia na nosa cidade, deixará un total de 4.255 pasaxeiros de até 53 nacionalidades (3.376 británicos) e 1.577 tripulantes.
Datos técnicos
O ‘Queen Elizabeth’ é un barco clase Vista, propiedade da mítica ‘Cunard Line’. Construído por Fincantieri no seu estaleiro de Monfalcone (Italia), a súa entrega oficial tivo lugar en outubro de 2010.
Trátase do segundo barco máis grande construído por Cunard, despois do ‘Queen Mary 2’. Capaz de transportar algo máis de 2.100 pasaxeiros nun total de 1.050 camarotes, o ‘Queen Elizabeth’ ten 294 metros de eslora por 32 de manga.
A súa decoración é estilo Art Decó e evoca a época da década dos 30’s. Destaca o seu restaurante exclusivo ‘The Verandah’, que ofrece unha experiencia de exquisita cociña, deseño contemporáneo e un servizo impecable con menús creados polo Chef Zimmermann, así como os restaurantes ‘Queens Grill’ e ‘Princess Grill’, moi similares aos do ‘Queen Vitoria’. O ‘Queen Elizabeth’ tamén ofrece o ‘Club Britania’, onde os hóspedes que viaxan nos camarotes categoría “AA” poden gozar dun só asento para cear no momento da súa elección, distanciados dos demais pasaxeiros do ‘Britannia Restaurant’. Así mesmo, o restaurante ‘Aztec’, ofrece cociña rexional mexicana, mentres que o restaurante ‘Jazmin’ ofrece cociña asiática, a partir de influencias de Xapón, Singapura, Indonesia, Tailandia e China
O ‘Queen Elizabeth’ ofrece, ademais, distintos tipos de habitacións espazosas e luxosas, seis Master e Grand Suites con nomes en honra aos últimos Commodores de Cunard que recibiron o título de cabaleiros.
O barco do futuro
Pola súa banda, o ‘Anthem of the Seas’ pertence á naviera ‘Royal Caribbean’. Con 350 metros de eslora e 40,8 metros de manga, o barco, que protagonizará un total de dez escalas no Porto olívico ao longo desta tempada, conta con 16 cubertas e un rexistro bruto de 167.800 toneladas.
O ‘Anthem of the Seas’ pertence á nova ‘Clase Quantum’ e está considerado como o barco do futuro, ademais de ostentar o segundo posto entre os cruceiros máis grandes do mundo. Conta con grandes novidades, como o primeiro simulador de paracaidismo en alta mar, un guindastre atalaia que transporta aos pasaxeiros a máis de 90 metros de altura e desde onde poden gozar das mellores vistas, as zonas de lecer máis vangardistas, que inclúen os complexos de deporte e entretemento cubertos máis grandes en alta mar con coches de choque, patinaxe e moito máis.
Ademais, dispón dos camarotes máis grandes e modernos de toda a historia de ‘Royal Caribbean’, que inclúen os primeiros balcóns virtuais da industria. Así mesmo, os pasaxeiros poderán gozar da extensa variedade gastronómica das súas 18 restaurantes, dos seus shows e os seus espectáculos no ‘Music Hall’, ‘Royal Theater’, e a ‘Royal Esplanade’.
Pero se por algo destaca o ‘Anthem of the Seas’ é por escoller Vigo como primeiro porto do mundo onde fixo escala o buque, tras a súa inauguración en Gran Bretaña o pasado 20 de abril.
O ‘Anthem of the Seas’ terá a súa base en Southampton (Reino Unido) até o mes de outubro, desde onde visitará o Mediterráneo e as Illas Canarias. No mes de novembro, trasladarase a Nova York. Cape Liberty será o seu porto base, desde onde realizará cruceiros regularmente ás Bermudas, o Caribe e Canadá e Nova Inglaterra.
O ‘Anthem of the Seas’ visitará o Porto de Vigo até en dez ocasións ao longo desta tempada, deixando en Vigo a, aproximadamente, 55.000 persoas, o que reforza a posición de Vigo como porto de referencia para as navieras e consolida o liderado que, desde hai anos, exerce a dársena olívica no Norte de España en tráfico de cruceristas.











