Unhas 2.500 chocolatinas solidarias poranse á venda este sábado para colaborar con Down Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Presentación da campaña solidaria

Presentación da campaña solidaria

A Asociación de Pasteleiros e Confiteros de Ourense leva a cabo unha nova acción solidaria, esta vez coa Asociación Down Ourense. O obxectivo é doar a esta entidade a cantidade recadada tras a venda de 2500 Chocolatinas Solidarias, que se poderán adquirir a un euro na rúa do Paseo este sábado, 3 de outubro. Esta mañá presentaban a iniciativa Mara Prieto, presidenta de Down Ourense, e Martín Sousa, o seu homólogo no colectivo de pasteleiros da provincia. Este último lembraba a vertente solidaria da asociación que preside, que desde hai anos colabora tamén con outras entidades como AECC e Mans Unidas.

Martín Sousa explicou que a ‘chocolatina ten formato de piruleta e reproduce o logo de Down Ourense’. Engadiu tamén o presidente dos pasteleiros que na carpa onde se venderán estas piruletas de chocolate, haberá talleres infantís e a actuación do mago Chirleta, para que nenos e maiores se acheguen a colaborar con esta iniciativa pois ‘cun euro lévaste unha chocolatina e con esta pequena achega pódese facer moito’, concluíu Sousa. Mara Prieto, pola súa banda, foi a encargada de comentar a que se destinará o diñeiro desta venda solidaria, do que se beneficiarán 52 familias, pois a recadación será empregada en mellorar o noso Servizo de Promoción da Autonomía Persoal’.

A través desta iniciativa ‘buscamos a solidariedade de todos os que desexen axudar a Down Ourense a continuar co seu labor social, para asegurar a continuidade do seu proxecto e contribuír ao futuro das persoas que representa. Desde aquí, animámosvos a todos e a todas a colaborar con esta campaña’, apuntou tamén a presidenta. Desde a Down Ourense fan fincapé na necesidade de que toda a sociedade se implique na loita contra a invisibilidade á que sempre se quixo someter ás persoas con discapacidade, e contra os estereotipos e os prexuízos dos que son obxecto. A súa presidenta aproveitou a presentación desta mañá para agradecer a todas as persoas que fixeron posible este proxecto ‘desde Martín Sousa e as pastelarías que colaboraron na elaboración, até as familias e voluntarios polo apoio nas tarefas loxísticas’.

Co fin de que as persoas con síndrome de Down desenvolvan todas as súas capacidades e a súa autonomía, Down Ourense encárgase de prestar apoio en atención temperá, logopedia, reforzo escolar, formación e procura activa de emprego, inserción laboral na empresa ordinaria, e en programas de vida independente e emancipación do fogar familiar.

30 de setembro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.