Unha vintena de charangas luguesas animarán as rúas durante o San Froilán 2015
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este luns novas actuacións para o San Froilán 2015, que se celebrará do 3 ao 12 de outubro. Trátase da animación de rúa, da que se encargarán máis dunha vintena de charangas luguesas.
Basadre destacou que “con este tipo de animación musical, estendemos o San Froilán por toda a cidade”, posto que as actuacións musicais das rúas e prazas do casco histórico de Lugo e do recinto feiral compartirán protagonismo coas dos diferentes barrios de Lugo. “A animación de rúa chegará ao barrio da Ponte, á zona de Montirón, Sanfiz, barrio da Residencia, Fonte dos Ranchos, zona Lamas de Prado, Milagrosa, Avenida da Coruña, Fontiñas e Sagrado Corazón”, avanzou a edil.
“Apostamos pola animación de rúa por toda a cidade para dinamizar todos e cada un dos barrios lucenses”, asegurou a Concelleira.
Entre as charangas e agrupacións musicais que amenizarán estes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional atopánse a Charanga Paradela, a agrupación Batería da Unidade, os Festicultores, a charanga Arde Yu-ku, Os xílgaros de Lugo, Os Campeiros de San Xoán do Campo, A Volta do Agro, Airiños de Orbazai, charanga Excusa, Airiños do Neira, charanga Trastiños, Os Amigos de Manolo, Arrincadeira, Devandoira, Folquiada, Madialeva, Os Cantareiros de As Regas, a charanga Malo Será, Reviravolta, Caivanca, Andaina, Pelexo de Ghaita, Os Valuros e Estoupacaldeiros.
VII Desfile de Gando San Froilán
O VII Desfile de Gando San Froilán marcará o inicio destes festexos “con marcado caracter popular”, tal e como os definiu Basadre. O sábado día 3 de outubro, ás 12:00 horas arrancará o desfile dende a zona peonil da ronda da Muralla. O desfile recorrerá un tramo da ronda da Muralla e entrará ao casco histórico pola rúa do Teatro (Porta da Estación). Logo achegaranse á Praza de Santo Domingo e pasarán pola rúa da Raíña, Praza Maior e rúa Bispo Aguirre.
Con esta mostra de animais autóctonos o Concello recupera un ano máis unha actividade tradicional e típica das feiras de San Froilán de hai preto de 40 anos.











