Un total de 90 lucenses desenvolven 18 proxectos de participación xuvenil cun investimento de 63.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Na provincia de Lugo, un total de 11 asociacións e 7 grupos informais participan este ano no programa de participación xuvenil Iniciativa Xove, o que permitirá que arredor de 90 mozos e mozas desenvolvan directamente 18 proxectos, cun investimento de 63.386,70 euros. As asociacións e grupos informais son dos municipios de Lugo, Mondoñedo, Castro de Rei, Cervo, Barreiros e O Saviñao.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou hoxe ás cinco mozas do grupo informal ‘Lucecús Ribeirás’ que están a desenvolver no concello do Saviñao o proxecto ‘Mes da Cultura Ribeirá’. O obxectivo central do proxecto é o de recuperar actividades tradicionais que están a piques de perderse, dándolle un toque innovador.

A iniciativa conta con obradoiros e actividades que permitirán afondar na construción de pandeiros e na percusión tradicional; dinamizar as cantinas a través da mocidade; recuperar a comida a base de cabra típica da vendima; ou promover os camiños do viño a través dunha rota cabalar.

No total de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar inviste no programa Iniciativa Xove un total de 500.000 euros para financiar 150 proxectos en 2015, nos que están a participar directamente máis de 750 mozos e mozas.

Cecilia Vázquez indicou que “Iniciativa Xove é un programa pioneiro a nivel de todo o Estado, onde a Administración non lle indica aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil”.

Poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, e permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos. A Xunta financia o cen por cento dos proxectos presentados cun orzamento máximo por iniciativa de 4.000 euros. Todas as entidades e grupos aos que se lles concede a axuda e o solicitan reciben un anticipo do 80 por cento sobre o total da cantidade concedida.

Este ano, ademais, está a ser a primeira edición onde as experiencias, competencias e habilidades adquiridas mediante o desenvolvemento dos proxectos contarán cunha certificación oficial expedida pola Xunta. Galicia é a primeira comunidade autónoma e, polo de agora, a única que certifica as competencias adquiridas coa participación en programas de educación non formal.

15 de setembro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.