publicidade hoxe

Un total de 75 desempregados benefícianse na Estrada dun obradoiro e dun plan integrado de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao Concello da Estrada

Beatriz Mato na visita ao Concello da Estrada

Un total de 75 persoas desempregadas están a beneficiarse no concello da Estrada dun obradoiro e dun plan integrado de emprego, nos que a Consellería de Traballo e Benestar está a investir un total de 252.000 euros. Así o salientou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita aos participantes seleccionados para ambas iniciativas.

O obradoiro “Casa da Música”, que se prolongará ata o próximo mes de marzo, está dirixido aos mozos e mozas menores de 30 anos que nin estudan nin traballan e están inscritos no sistema de Garantía Xuvenil. Isto converte a A Estrada nun dos concellos pioneiros na organización destes obradoiros destinados á mocidade.

Os 15 participantes formaranse nas especialidades de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas. En concreto, realizarán obras de adecuación do edificio de usos múltiples do concello para mellorar a actividade do Conservatorio de Música. Así, combínanse as distintas vantaxes dos programas mixtos de formación e emprego: acceso a unha formación de calidade, un emprego, e realización de obras e servizos para a comunidade

Para poñer en marcha este proxecto, o Goberno galego inviste preto de 130.000 euros. Trátase do quinto obradoiro que a Consellería financia na Estrada desde 2009, o cuarto consecutivo. En total, nestas cinco iniciativas a Xunta ten investido máis de 1,3 millóns de euros, o que permitiu mellorar a empregabilidade de 119 alumnos e alumnas.

Ademais deste obradoiro, único na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, hai outro en marcha en Lalín habilitado a través da convocatoria ordinaria, isto é, non é específico para mocidade. O Obradoiro “Pazo de Liñares” conta con 19 alumnos e un investimento de 170.000 euros. O alumnado formaranse en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e colocación de pedra natural. Traballarán na construción dun aparcamento nas inmediacións do Pazo de Liñares, así como na súa integración na paisaxe.

Itinerario integral

Pola súa banda, hoxe tamén bota a andar o programa integrado “A Estrada Activa”, que se organiza en colaboración co concello –a través da Fundación Cultural A Estrada- e a Consellería de Traballo e Benestar.

Esta iniciativa, que durará un ano, está dirixida ás persoas que están atopando maiores dificultades para acadar a súa inserción laboral. Con este obxectivo, deséñase un itinerario integral e individual para cada un dos participantes, nos que se combinan diversas actuacións: información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas ou inserción.

En concreto, no programa da Estrada participarán 60 persoas. O obxectivo mínimo de inserción fixado é do 40 por cento, o que suporía 24 insercións laborais, pero “o noso desexo é que ao finalizar esa cifra sexa aínda máis alta”, confiou Mato. A Xunta está a investir 122.000 euros na posta en marcha deste plan integrado de emprego.

29 de setembro de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.