Un total de 46.564 estudantes comezan en Pontevedra o novo curso
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde Bueu, Félix Juncal, e do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitou esta mañá o IES Xoán Carballeira así como o CEIP Torre-Cela, e aproveitou para destacar a normalidade coa que comezou hoxe o curso na provincia de Pontevedra en ESO e Bacharelato.
O delegado territorial recordou que un total de 46.564 estudantes inician hoxe o curso en educación secundaria obrigatoria (ESO) e bacharelato nos centros educativos da provincia de Pontevedra. Segundo os datos de matriculación, son 35.021 as alumnas e alumnos que volven ás aulas da ESO e 11.543 ás de bacharelato. En programas de cualificación profesional aínda non se pechou a matriculación.
Cores Tourís comprobou así o arranque de curso no IES Xoán Carballeira, onde a Consellería de Educación investiu case 22.000 euros para levar a cabo a reforma da cuberta do centro. Estes traballos permitiron eliminar as filtracións de auga que se estaban a producir nas aulas da segunda planta, especialmente, en debuxo e plástica.
As obras tamén supuxeron na colocación de dúas novas baixantes, para independizar a cuberta da parte ampliada da antiga, separadas por un illante e unha xunta de dilatación. Ademais, repuxéronse pezas de formigón, reparáronse baixantes xa existentes e levantáronse cumios. Finalmente, seláronse os encontros e o lavado e posterior pintado da cuberta.
Posteriormente, o delegado trasladouse ata o CEIP Torre-Cela, onde puido comprobar a execución dos traballos de reparación da cuberta do CEIP Torre-Cela, no que se investiron 57.060 euros nos últimos anos. “Neste centro tamén se investiron outros 100.000 euros para a reforma da instalación eléctrica e da instalación da calefacción”, engadiu José Manuel Cores Tourís, “así como outros 17.000 euros que, durante este verán, permitiron acometer distintas pequenas obras de mellora no centro, como a carpintería interior, en colaboración co concello da localidade”.
De feito, o delegado territorial destacou que todos estes traballos que hoxe comprobaron forman parte dun conxunto de melloras nos centros educativos que veñen a demostrar que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo para o próximo curso na mellora dos colexios e institutos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.
ESO
En relación ao arranque do curso en Secundaria, e segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, Cores Tourís destacou que na provincia de Pontevedra comezarán o curso en ESO, 35.021 alumnos e alumnas.
Bacharelato ordinario
Por outra banda os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, indican que 30.722 alumnos e alumnas comezarán o luns as clases de bacharelato ordinario en Galicia, o que supón un 0,2% máis ca no curso 2014/2015.
Ensinanzas de réxime especial
No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de secundaria e bacharelato para adultos e ao bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais o incremento do alumnado, ata os 16.018 estudantes, é do 3,5% respecto do curso 14/15. Na provincia son un total de 5.963 alumnos.
Pola súa banda, o número de estudantes nas ensinanzas artísticas increméntase con carácter xeral, atendendo aos datos, aínda provisionais. Así, o alumnado en ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería de acadar os 8.807 matriculados, medra nun 1,2%.
No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 382 en toda Galicia, 14 máis ca no curso 13/14; mentres que nas de arte dramática haberá 143 alumnas e alumnos, 6 menos ca no ano académico anterior.
Así mesmo o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño medra un 2,9% ata chegar aos 1.596 estudantes en toda a comunidade autónoma. Nesta categoría inclúense as ensinanzas superiores de deseño, os ciclos formativos de artes plásticas e deseño e os estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais. Pola súa banda, as ensinanzas deportivas os 751 alumnas e alumnos.
Formación Profesional
No caso da Formación Profesional – non incluída nos devanditos 147.603 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, que serán difundidos en datas próximas. Aínda así, a previsión inicial realizada polo departamento educativo da Xunta de Galicia é que – contando tanto os ciclos formativos en réxime ordinario e modular como a FP a distancia, a FP Dual e a FP Básica- o número de alumnas e alumnos ascenda a preto de 53.400, o que suporía un incremento de máis do 3,4% respecto dos 51.610 finalmente matriculados no curso 14/15.











