publicidade hoxe

Un total de 212 cativos comezan a escola en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O curso escolar en infantil e primaria arrancou hoxe en San Sadurniño sen máis sobresaltos que os habituais nunha data crítica -e ás veces fatídica- para a cativería, especialmente para quen empeza na escola “de maiores”. Algún choro, certa desconfianza por verse nun sitio novo e ás veces con compañeiros e compañeiras descoñecidas, novas mestras e mestres… O normal de calquera inicio de curso, vaia. Este ano o CPI de San Sadurniño contará con 330 rapaces e rapazas, só cinco menos que no periodo 2014-2015. Hoxe tocoulles ao alumnado dos ciclos inferiores -212 en total- mentres que secundaria aínda empezará o 15.

Unha das principais novidades deste ano son as propias instalacións do colexio. Na ala de primaria construiuse un recinto a maiores que se dividiu en dúas grandes aulas comunicadas por uns aseos especialmente adaptados ás nenas e nenos máis pequenos. Cómpre lembrar que o ano pasado o curso arrancou con problemas de saturación nos cursos iniciais que levaron á ANPA, á dirección do centro e ao Concello a demandar máis espazo. 

A obra executouse durante o verán e hoxe mesmo os nenos e nenas de 6º de educación infantil -27 matrículas- ocuparon unha das novas aulas mentres que os de 4º -os 20 que empezan o cole este ano- ocuparon a outra. Neste último caso a incorporación será paulatina nos primeiros días, xa que as pequenas e os pequenos acoden en grupos reducidos durante parte da mañá e acompañados das súas familias mentres dure o periodo de adaptación.

Quen se adapta rápido é o alumnado de maior idade. Para eles e elas foi o día do reencontro, de contar as aventuras do verán -aínda que moitos e moitas as compartiran en servizos de conciliación como a Aldea de Verán- e de ir asumindo, precisamente, que hai que volver á rutina. Ata outubro estarán en xornada intensiva con clase pola mañá das 9.30 ás 14.00h., e a partir de aí xa terán clase algúns días pola tarde. 

Se en infantil hai 76 matrículas, en primaria -6 a 12 anos- rexistráronse 136 e prevense outras dúas de novas para os próximos días. Secundaria -os cursos de 12 a 16 anos- empeza o próximo día 15 cun total de 116 matrículas. Botando contas entre quen xa empezou e quen vai empezar en breve, atopamos que o CPI de San Sadurniño contará no curso 2015/2016 cun total de 330 alumnos e alumnas, 5 menos que o ano pasado. Unha cifra que constata a estabilidade demográfica dun centro ao que acode rapazada do concello de San Sadurniño pero tamén de zonas limítrofes doutros municipios.

O que si notou baixa é o servizo de comedor. Se ben no curso anterior o utilizaron 283 alumnos e alumnas, no que hoxe comeza serán 249.

Aínda que a escola empezou hoxe, cómpre lembrar que as familias teñen ata o primeiro de outubro para solicitar no propio colexio as axudas para a merca de material escolar. Son 50 euros por neno ou nena sempre que a renda per capita da unidade familiar non exceda os 5.400 euros. Unha axuda que é compatible coa destinada á merca de libros -xa pechada-, tramitada tamén a través do colexio.

10 de setembro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.