Un total de 20 alumnos formaranse en atención sociosanitaria no obradoiro de Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía
O obradoiro ‘Atención á dependencia no fogar e nas institucións’ organizado polos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía e financiando en colaboración coa Xunta formará a partir de hoxe e durante os próximos 6 meses a un total de 20 alumnos e alumnas nas especialidades de atención sociosanitaria para persoas con dependencia, tanto no domicilio como en institucións.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe en Abegondo aos participantes nesta iniciativa mixta de formación e emprego na que o departamento autonómico investirá preto de 180.000 euros. A través deste obradoiro, os alumnos e alumnas recibirán unha formación de calidade e un acceso ao emprego e aos servizos para a comunidade e ao seu remate obterán un certificado de profesionalidade. En concreto, desenvolverán o seu labor de asistencia sociosanitaria en centros de referencia da área metropolitana da Coruña: nas residencias de maiores de Oleiros e Boimorto, no centro de día de Aspace en Sada, nos centros de Pai Menni, en Betanzos e nos servizos municipais de axuda a domicilio.
Mato destacou que estas dúas especialidades de atención sociosanitaria ofrecen, ademais de “unha gran oportunidade de realización persoal”, a posibilidade de traballar pola calidade de vida e benestar das persoas que máis o precisan. Ademais, indicou que constitúen un xacemento de emprego de presente e futuro, xa que sinalou que os datos máis recentes da propia Consellería de Traballo fixan a inserción laboral bruta nun 62 por cento nestas dúas especialidades.
Por iso, a titular de Traballo resaltou que a Xunta está a reforzar este tipo de programas. Ademais de blindar a orde anual de axudas aos obradoiros, a Consellería de Traballo e Benestar publicou unha convocatoria específica para menores de 30 anos, incluída dentro do programa de Garantía Xuvenil. Isto significa, segundo apuntou Mato, un investimento total de 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 70 obradoiros, cun total de 2.000 alumnos e alumnas. Trátase dun 50 por cento máis de orzamento que o ano pasado.
Polo que respecta a Abegondo, é o terceiro obradoiro de emprego que financia a Consellería de Traballo e Benestar nesta localidade. Nestes tres programas participaron 78 alumnos e alumnas e se investiu máis dun millón de euros.
“Polo tanto, os obradoiros son un extraordinario exemplo de eficiencia e coordinación entre administracións, polo que é fundamental acadar a máxima colaboración dos concellos porque eles nos axudan a orientar os nosos esforzos e a que os programas que financiamos ofrezan os mellores resultados para os veciños e veciñas”, rematou a conselleira.