Un total de 2.266 alumnos de Educación Infantil e Primaria inician o curso escolar en Ames
Perto de 200 alumnos/as máis que o curso pasado iniciaron hoxe as clases nos colexios de Ames, o que sitúa ao Concello como o de maior número de alumnos/as da contorna. As portas dos centros educativos abríronse con melloras que foron realizadas a través do Plan Integral de mantemento de Centros Escolares posto en marcha polo Concello. Destacan as obras da cuberta do CEIP Agro do Muiño, o pintando e reparación das pistas de Ventín e as melloras na seguridade viaria co incremento de controis de velocidade e a posta en funcionamento dun aparcadoiro no exterior do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns, anexo ao CEIP A Maia, que foi utilizado por máis de 100 usuarios/as. O transporte escolar funcionou con normalidade. O alcalde José Miñones e o Concelleiro de Educación, David Santomil, visitaron esta mañá o CEIP Agro do Muiño, o CEIP A Maia, a Escola Infantil do Milladoiro e o CEP de Ventín e mañá estarán no CEIP de Barouta e nas Escolas Infantís de Covas e da Tarroeira.
2.226 alumnos estudarán este curso nos centros de primaria e educación in fantil do Concello de Ames. 644 farano no CEIP A Maia, 252 no CEIP de Barouta, 459 no CEIP Agro do Muiño, 568 sentaranse nas aulas do CEP de Ventín, 308 na Escola Infantil do Milladoiro, 17 na Escola Unitaria de Covas e 18 na Escola Unitaria de Tarroeira.
“A mellor noticia nun día como hoxe é a ausencia de noticias”. Deste xeito pronunciáronse o alcalde de Ames José Miñones e o Concelleiro de Educación, David Santomil, no transcurso das visitas que esta mañá, co gallo do inicio do curso escolar, realizaron ao CEIP Agro do Muiño, o CEIP A Maia, a Escola Infantil do Milladoiro e o CEP de Ventín. Ámbolos dous mandatarios destacaron o éxito da posta en marcha do operativo especial para a mellora da seguridade viaria que incluíu o reforzo da presenza policial nos puntos de acceso aos centros educativos, a mellora da sinalización nas inmediacións do CEIP de Barouta e o CEIP A Maia, o incremento dos controis de velocidade e a habilitación dunha zona de aparcamento no espazo exterior do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns co obxectivo e que as familias que levan os nenos e as nenas ao CEIP A Maia non ocuparan cos seus vehículos a entrada do colexio.
Máis de 100 vehículos estacionaron esta mañá nese aparcadoiro habilitado no exterior do Pavillón Polideportivo e Bertamiráns. “Queremos dar as grazas as familias de Ames pola súa colaboración utilizando este novo aparcadoiro o que supuxo que hoxe na Avenida da Peregrina por onde se entra ao CEIP A Maia non se produciran os atrancos de tráfico que se producían nestas mesmas circunstancias en outras ocasións”, declarou o alcalde de Ames, ao tempo que o concelleiro de Educación salientaba tamén o traballo da patrulla escolar que, “en tanto non estean colocados os semáforos, esta mañá axudou a controlar o tráfico fronte a este colexio e tamén na rotonda da autovía AG56”. Alcalde e concelleiro declararon tamén que se continuará traballando en colaboración coa comunidade educativa para seguir mellorando as condicións dos colexios do Concello.
A posta a punto dos Centros Educativos de Ames, no tocante ás obras que lle corresponde realizar ao Concello, realizouse a través do Plan Integral de mantemento de Centros Escolares que coordinan as concellarías de Educación e Urbanismo e Obras Públicas. Ademais das obras da cuberta do CEIP Agro do Muiño, o pintando e reparación das pistas de Ventín, revisáronse en todos os centros educativos os extintores, os sistemas contraincendios e as caldeiras , procedeuse a unha limpeza exhaustiva do interior e o exterior dos colexios, fixéronse obras de mellora de alicatados, revisáronse farois, enchufes e puntos de luz deteriorados e reparáronse diversas avarías, ademais de acondicionar xardíns, parques infantís e areeiros. Previa a realización das obras, o goberno mantivo conversacións cos responsables dos centros e coas ANPAS `para definir as necesidades de cada un dos espazos educativos. Este contacto seguirá activo durante todo o curso coa finalidade de seguir mellorando as condicións dos centros educativos amesáns.
O alcalde José Miñones e o Concelleiro de Educación, David Santomil, visitaron esta mañá o CEIP Agro do Muiño, o CEIP A Maia, a Escola Infantil do Milladoiro e o CEP de Ventín e mañá estarán no CEIP de Barouta e nas Escolas Infantís de Covas e da Tarroeira. Os responsables municipais aproveitan tamén estas visitas para falar co profesorado e tomar notas das necesidades de cada centro.











