Un total de 19 cativos recibiron este verán clases de reforzo escolar en Ames a través dun programa de voluntariado
Por segundo ano consecutivo a Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración cos departamentos de Educación Familiar de Bertamiráns e do Milladoiro, vén de clausurar o proxecto de reforzo escolar no verán 2015. Esta iniciativa contou con 19 nenos/as entre os 6 e os 15 anos con algunha problemática social ou familiar asociada que repercuta no seu atraso escolar e desenvolveuse dende mediados de xullo.
A través deste programa, os/as profesores/as voluntarios/as axudaron aos nenos/as a facer as diferentes tarefas que lle encomendaron no colexio, así como a afondar naquelas materias onde teñan máis dificultades e necesidades. Ao dispor de grupos reducidos, os rapaces e rapazas que participan neste programa reciben unha atención directa e personalizada.
A concelleira de Voluntariado, Isabel González, explicou que “durante todo o curso escolar os nenos/as de familias con dificultades económicas e/ou sociais tiveron a oportunidade de recibir clases de reforzo escolar dous días á semana para reforzar o seu nivel académico e agora nestes meses estivais démoslle continuidade a este programa gracias a colaboración dos voluntarios/as”
O programa de apoio escolar desenvólveuse dende mediados do mes de xullo ata comezos do mes de setembro nas Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Por último, as concelleiras de Voluntariado e Benestar Social, Isabel González e Luísa Feijóo, gabaron o traballo desinteresado dos voluntarios/as e fixeron fincapé “na importancia que ten o voluntariado na sociedade amesá, animando a toda a poboación de Ames a seguir sendo un referente no voluntariado galego”.











