Un total de 18 xóvenes inician en Santiago un curso de formación para participar no Servizo Voluntariado Europeo

Cecilia Vázquez na recepción aos participantes
Un total de 18 mozos e mozas procedentes de 10 países de Europa iniciaron hoxe en Santiago o curso de formación previo a participar no Servizo Voluntariado Europeo, que se enmarca no programa Erasmus +: Xuventude en Acción. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, deu a benvida aos participantes que realizarán os seus proxectos de voluntariado, que terán unha duración mínima de 2 semanas e máxima de 12 meses.
O curso de formación enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional, que xestiona o programa Xuventude en Acción e o Servizo Voluntario Europeo, do que é parte activa a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Neste senso, Vázquez lembrou que o xoves ás 12,00 horas remata o prazo para presentar os proxectos na terceira e última quenda do programa Erasmus+.
O participantes na quenda actual son 18 mozos e mozas, de entre 17 e 30 anos, procedentes de 10 países: Austria, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Polonia, Rusia, Ucraína e Reino Unido. Destes 18 participantes, 17 realizarán o seu proxecto de voluntariado europeo en Galicia e 1 en Cantabria.
No caso de Galicia, as entidades de acollida son: asociación recreativa e cultural Os Tilos; asociación de desenvolvemento local DELOA; asociación Limisi; Amigos da Terra Galicia-Xuventude; os concellos de Carral, Curtis, Boqueixón e Ribadavia; Fundación Paideia Galiza; ANPA La Laguna (CEIP Ría do Burgo); e CEIAP Ría de Burgo. E no caso de Cantabria, a organización de acollida é ONCE Cantabria.
Esta actividade consiste en presentar aos mozos e mozas voluntarios o país de acollida, facilitando a súa adaptación ao novo contexto social e cultural; proporcionarlles habilidades comunicativas, incluídos aspectos de aprendizaxe intercultural; presentarlles habilidades sociais mínimas indispensables para a convivencia, a prevención de conflitos e a xestión de crise; proporcionar un espazo para que os participantes poidan reflexionar sobre os obxectivos de aprendizaxe que poden desenvolver durante o Servizo Voluntario Europeo e planificar o seu proceso de aprendizaxe; e favorecer o coñecemento mutuo entre os voluntarios e comezar a construír redes.
Durante este curso de formación tamén se desenvolverán paneis de experiencias con antigos voluntarios e realizaranse diferentes obradoiros e intercambio de experiencias entre os voluntarios, xunto con outras actividades de carácter lúdico.
Por último, Vázquez manifestou que “o Servizo Voluntario Europeo ofrece aos mozos e mozas unha experiencia de educación non formal, de desenvolvemento da solidariedade, de promoción das relacións con culturas distintas e facilita a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas”.











