Un total de 17 empresas optan á construción da nova ponte sobre o río Miño no núcleo dos Peares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoOurense
A-
A+

Un total de 17 empresas ou agrupacións temporais de empresas presentaron unha oferta ao concurso público aberto para a construción da nova ponte sobre o río Miño que a Axencia Galega de Infraestruturas executará no núcleo dos Peares, na provincia de Ourense. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de convocar aos propietarios dos terreos afectados para iniciar os pagos das expropiacións. Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe que o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras terá lugar o vindeiro 16 de outubro a partir das 10.30 horas na sede do Consorcio Local dos Peares, no concello da Peroxa.

Este proxecto, licitado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o pasado mes de agosto, cun importe de 2,7 millóns de euros, consistie na execución dunha nova ponte que mellorará a mobilidade entre os núcleos situados á marxe dereita do río e os da esquerda ,e coa estrada N-120. Ademais, incluirá unha senda peonil desde a vía de titularidade nacional ata o núcleo dos Peares.

A situación elixida está condicionada pola proximidade dun paso inferior existente baixo a liña de ferrocarril Ourense-Monforte de Lemos, no contorno da estación dos Peares, que será utilizado para comunicar a ponte proxectada coa rede viaria existente na marxe dereita do Miño. Esta actuación incrementará a seguridade viaria, de vehículos e peóns, xa que grazas á senda peonil defínese un novo itinerario para resaltar a riqueza paisaxística da zona, aumentando a competitividade turística da Ribeira Sacra.

Trátase dunha nova infraestrutura cuxa tipoloxía estrutural prima a minimización da afección visual, dado o valor paisaxístico da contorna, para conseguir unha estética que encaixe no ámbito; e o uso de elementos de tamaño reducido e peso para a montaxe, debido ás condicións de acceso.

A ponte terá unha lonxitude de case 200 metros (193,60), con 5 vans e un taboleiro de 6,25 metros de largo, nos cales se disporán unha calzada de 5 metros para uso compartido de peóns e vehículos, dando prioridade ao uso peonil. De feito, o proxecto inclúe unha senda peonil de 330 m de lonxitude, que comunicará a nova ponte co núcleo de casas situadas augas arriba, nos Peares. A senda apóiase na marxe esquerda da antiga estrada nacional. Como medida de integración ambiental e paisaxística, o firme na estrutura alternará franxas de pavimento de formigón impreso con outras conformadas por lastras. Ademais, esta solución facilitará aos condutores a percepción de que se trata dun espazo con prioridade de paso para os peóns e impedirá que os vehículos alcancen velocidades importantes.

Na actualidade, a conexión entre as poboacións situadas nas dúas beiras do río Miño realízase a través de coroación da presa dos Peares, situada augas arriba da confluencia co Sil, que permite comunicar o trazado antigo da estrada N-120 (paralelo ao Miño pola marxe esquerda), coa estrada provincial LU-P-1801 que discorre pola dereita. A traza destas dúas vías atópase encaixada no cavorco do río, polo que ambas contan cunha sección estrita e un trazado moi sinuoso. A nova infraestrutura permitirá unha mellor accesibilidade á Ribeira Sacra, zona de enorme valor ambiental e potencial turístico.

16 de setembro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.