Un Santiago Futsal de remontadas iguala o 4-4 e consegue un punto ante Magna Gurpea

Encontro Santiago Futsal e magna Gurpea
Santiago Futsal fíxose rápido co control do partido e foi o primeiro en xerar as ocasións máis claras de perigo en área contraria. Sería Diego Quintela o que tería a primeira nun tiro axustado ao pau que se iría fóra, e Pablo Mel o que volvería avisar cun disparo que se estrelaría na madeira.
O protagonista do primeiro tanto celeste sería Hugo Sánchez que rematou ao segundo pau unha gran xogada en progresión de Pablo Mel por banda dereita no minuto 8. Pero só un minuto despois, Jesulito igualaría a contenda co 1-1.
Rafa Usín faría o segundo só un minuto despois cun tiro afastado co que lograría superar ao meta local Iker López.
Os visitantes aproveitarían os minutos de baixón da escuadra celeste para anotar o terceiro das botas de Carlitos, que culminaría unha xogada individual cun tiro ao fondo da rede e deixaría o marcador 1-3 antes do descanso.
Pero o Santiago Futsal, abonado á épica desde a xornada pasada, saltaría ao pista de Sar na segunda metade cunha marcha máis e protagonizaría dous minutos de auténtico delirio para a afección celeste, nos que conseguiría a igualada grazas aos tantos de Pablo Mel e Diego Quintela.
Co 3-3 no marcador, as ocasións locais sucederíanse para facer o cuarto, pero o meta visitante Raúl estaría moi acertado baixo pau para evitar o gol na dobre ocasión de Iván Rumbo e Diego Quintela sobre a liña de gol.
Nos últimos minutos do encontro alternaríanse os contraataques en ambos os conxuntos. Eseverri lograría o 3-4 no minuto 37 e seguidamente, cun Santiago Futsal que saíu de cinco con Álex Diz como porteiro xogador, os celestes anotarían o definitivo 4-4 firma de Antonio Diz nunha xogada combinativa de porteiro-xogador.
Desta forma, Santiago Futsal suma o seu primeiro punto ante a súa afección e de novo, repite a épica da xornada pasada de remontar un partido que se presumía costa arriba no descanso, e igualalo 4-4.











