Un grupo de mozos organizan unha mostra escultórica na Coruña co programa Iniciativa Xove
O Fórum Metropolitano da Coruña acolleu hoxe a clausura da mostra escultórica “O valor do tempo”, organizada polo colectivo Xerión grazas ao apoio do programa Iniciativa Xove da Consellería de Traballo e Benestar. A exposición, que se inaugurou o pasado día 11, recolle os traballados creados por estes mozos e mozas, todos eles estudantes do ciclo superior de escultura da Escola Pablo Picasso.
A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu a este evento, no que, entre outras actividades, organizouse unha mostra-obradoiro de modelado en directo, na que se difundiron os procesos escultóricos aprendidos e no que se invitou ao público a participar de maneira activa realizando a súa propia peza.
O obxectivo desta mostra é revalorizar a produción do obxecto único e artesanal, a través de diferentes acabados e procesos de creación. Cabe salientar, ademais, que son os propios participantes os que comisarían a mostra e xestionan os obradoiros.
Iniciativa Xove é un programa pioneiro a nivel de todo o Estado, no que a Administración financia proxectos presentados e deseñados pola mocidade. Poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas. Deste xeito, a xuventude galega pode organizar, emprender e impulsar actividades por si mesma.
A Consellería inviste neste programa un total de 500.000 euros este ano, para financiar 150 proxectos nos que participarán máis de 750 mozos e mozas. O orzamento máximo por iniciativa é de 4.000 euros, e sempre que se solicita, anticípase o 80 por cento do total da contía concedida.
Esta é, ademais, a primeira edición na que as experiencias, competencias e habilidades adquiridas mediante o desenvolvemento de proxectos como Iniciativa Xove contarán cunha certificación oficial expedida pola Xunta. Galicia é a primeira comunidade autónoma, e polo de agora a única, que certifica as competencias adquiridas coa participación en programas de educación non formal.











