Un grupo de 25 olonnais visitarán A Laracha nesta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Un grupo formado por vinte e cinco persoas procedentes de Olonne sur Mer, o municipio francés co que está irmandado A Laracha, visitarán o noso Concello nesta fin de semana. A súa chegada está prevista para mañá venres ás 19:00 horas e emprenderán a viaxe de regreso o luns pola mañá.

A maioría deles estarán en Galicia por primeira vez. O Concello da Laracha ten deseñado un programa de actividades, eventos e visitas para que durante a súa estancia poidan coñecer o noso municipio (feira de Paiosaco o domingo pola mañá, Caión, museos do Arquivo da Pesca e dos Muíños de Golmar, área recreativa de Gabenlle, mosteiro de San Pedro Soandres) e tamén outras zonas da Costa da Morte (Malpica, Corme e Laxe), o Ecomuseo Forno do Forte de Buño e a cidade da Coruña.

No Concello da Laracha celebrárase a mediados de xullo unha reunión do Comité de Irmandamento –no que están representados todos os grupos políticos e as principais asociacións deportivas e culturais- para informar desta visita, consensuar as actividades a realizar e convidar a aos membros do Comité a participar nelas. Tamén se informara naquela reunión de que a maioría dos olonnais estarán aloxados en vivendas particulares de veciños da Laracha, cos que convivirán durante a fin de semana.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción por recibir a este grupo de olonnais e tamén a ilusión de comprobar como o irmandamento sigue vivo, activo e continúa permitindo que persoas de Olonne sur Mer se interesen por coñecer o noso municipio e manteñan relacións de amizade con veciños laracheses. 

Esta é unha visita especial xa que será a primeira que se realizará con Florence Pineau como alcaldesa de Olonne sur Mer despois de que Yannick Moreau, o alcalde co que se asinara o irmandamento no ano 2010, deixase o cargo por propia decisión a principios do presente mes de setembro.

17 de setembro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.