Última tertulia do ciclo “Diálogos en educación” na Casa dos Alonsos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Este xoves, 10 de setembro, celébrase a última das tertulias enmarcadas dentro do ciclo “Diálogos de Educación”, organizado polo Concello da Guarda. Nesta ocasión, a charla, que leva por título “Política e Educación. Camiño de volta dun técnico do Estado na transición democrática”, estará conducida por Pedro Caselles Beltrán, mestre e inspector de Ensino Primario do Ministerio de Educación e se celebrará na Casa dos Alonsos.

O cambio de situación débese, ademais do decrecemento dos días, á celebración da tertulia de clausura nun céntrico emprazamento. Este novo espazo continúa a vincular estas charlas cun antigo centro educativo xa que, A Casa dos Alonsos, funcionou coma colexio dos PP Somascos antes da súa ubicación actual.

O horario continúa a ser o mesmo, ás 20 horas.

Nesta última entrega de “Diálogos de Educación”, Pedro Caselles, figura destacada polo seu perfil técnico para a posta en marcha da Lei Xeral de Educación de 1970, quen foi Director do Centro de Investigación y Documentación Educativa e tamén Conselleiro de Educación e Ciencia das embaixadas de España en Arxentina, Chile, Paraguai e Uruguai, contará experiencias profesionais propias e abrirá debates entre todos os presentes. 

Coa celebración deste coloquio de clausura nun espazo tan céntrico da Guarda a organización quere convidar, a todas esas persoas que xa asistiron ás charlas pasadas, pero tamén, a todos aqueles interesados que non puideron achegarse ás entregas anteriores, para que, nesta ocasión, se sumen. 

O resultado deste ciclo “Diálogos de Educación” é moi positivo.

9 de setembro de 2015 | 10:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.