publicidade hoxe

Tres mocións sobre a lei mordaza, o sector lácteo e a información da Xunta de Goberno centran o pleno de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O luns 7 de setembro celébrase a sesión plenaria ordinaria do mes de agosto, xa que está estipulado por acordo da corporación que teña lugar o primeiro luns de setembro. Desta volta, o pleno está marcado polo descanso estival, xa que a maioría dos puntos da orde do día son mocións presentadas por distintos grupos da corporación. Aínda así, a sesión inclúe a dación de conta da renuncia de Xosé Regueira Varela á súa retribución por dedicación exclusiva, xa que percibirá o salario como deputado provincial.

E tamén a sinalización dos dous festivos locais para 2016. Dado que o 24 de xuño, día de San Xoán, está recollido no almanaque como festivo en Galicia, Carballo contará co Martes de Entroido e o 25 de xuño como días de festa de carácter retribuído e non recuperable en 2016. No que respecta ás mocións, a primeira foi presentada polo grupo municipal do PSOE e nela proponse que se inste ao Goberno de España a retirar a Lei Orgánica 4/2015 de 30 de marzo, de Protección de Seguridade Cidadá (popularmente coñecida como Lei Mordaza) porque, segundo o texto da proposta do PSOE “restrinxe indebidamente o exercicio dos dereitos e das liberdades da nosa cidadanía e representa un ataque frontal ao noso Estado de Dereito”. O grupo socialista presenta para o debate plenario unha segunda moción, desta volta referida á Política Agraria Común (PAC) da Unión Europea. Nela esixe medidas “urxentes” para “evitar o peche de miles de explotacións de leite”.

Entre estas medidas propón a cuantificación do excedente lácteo e a súa xestión axeitada, a vixilancia e sanción de contratos lixo para que se consideren nulos e se recoloque o leite afectado a prezo de mercado, acabar coa banalización do sector lácteo, regular a situación dos primeiros compradores de leite, incidir na recuperación do consumo, estabilizar as relacións entre os distintos axentes da cadea láctea, apostar por unha verdadeira negociación colectiva e establecer un verdadeiro “plan estratéxico de futuro para o sector lácteo”. A terceira moción que se debaterá no pleno foi presentada por TEGA.

Nela, o grupo presidido por José Bello Pallas propón a celebración de sesións abertas da Xunta de Goberno Local e a publicación no taboleiro de anuncios virtual do web municipal dos casos nos que se traten asuntos delegados polo pleno, así como “enviar á totalidade dos concelleiros e concelleiras as actas da sesión da Xunta de Goberno Local tan axiña como sexa posible”. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo aclarar que no Concello de Carballo o pleno non ten delegada ningunha competencia na Xunta de Goberno, polo que non é preciso celebrar sesións abertas. Así, aclara, “todas as competencias do pleno son exercidas por ese órgano”.

No punto de seguimento de órganos de Alcaldía douse conta da baixa dun vehículo da Policía Local, logo da dotación de novos automóbiles para as forzas de seguridade municipais.

4 de setembro de 2015 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.