Termatalia ultima os detalles da que se prevé a edición máis internacional

Reunión de Termatalia
Unha vintena de expertos en turismo de saúde procedentes de varios puntos de España e Portugal reuníronse esta mañá en Expourense para ultimar os destalles de 15ª edición de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se celebrará en Ourense entre o 24 e o 26 de setembro de 2015. Pechadas xa as accións profesionais coa presenza confirmada de expositores e visitantes de 39 países, Termatalia afronta a súa edición máis internacional pondo agora o foco nas actividades dirixidas ao público xeral que é, á fin e ao cabo, o usuario final dos produtos e servizos presentados en feira.
Entre as novidades desta 15ª edición destaca en Área de Alimentación Saudable que incluirá un completo programa de exhibicións de cociña en directo, degustacións e catas que serán impartidas por importantes chefs de España, Colombia e Costa Rica. Este último país participará en feira da man da Cámara Costarriqueña de Restaurantes (CACORE) e os seus cociñeiros integrados no Plan Nacional da Gastronomía Costarriqueña Sustentable e Saudable e que realizarán showcookings sobre gastronomía tradicional deste país convertido en referencia mundial de comida sustentable e natural e cuxo lema nacional é “Come san, come rico, come tico”.
Pola súa banda, cociñeiros galegos recoñecidos como o chef Carlos Parra, colaborador do programa Larpeiros da TVG, elaborará pratos saudables como “Lombo de Robaliza con gelatina con auga gasificada e verduras escaldadas” e Flavio Morganti, con dous Soles Repsol, impartirá unha exhibición de Técnicas Gastronómicas Saudables. O cociñeiro gañador do Concurso Prato Xantar 2014 e 2015, Manuel Garea, tamén realizará unha exhibición sobre esta. Estes talleres de cociña completaranse con exhibicións de coctelería da auga a cargo do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e con catas comentadas de auga impartidas pola catadora Mercedes González, directora da Cata Internacional de Augas Termatalia 2015.
Outra das novidades desta edición será a Zona Shopping no que distintas formas de moda e de artesanía de Galicia que presentarán os seus produtos ante visitantes de case 40 países. Termatalia aproveita esta área para potenciar outro dos atractivos de Galicia como “marca-destino”: a moda e a artesanía.
Estas novidades completaranse coas actividades destinadas para público como o Bar de Augas, que presentará augas de distintas marcas e categorías de varios países; a recreación dun Centro Termal que presenta todos os produtos e servizos que se poden gozar nun balneario e a área de Relax, no que poder gozar de forma gratuíta dunha masaxe. Ademais, os visitantes poderán obter descontos especiais ao facer as súas reservas nos balnearios presentes en feira e participar en sorteos de estancias en centros de España e Portugal.
Paquete AVANT
Termatalia lanzou en Paquete AVANT que permitirá gozar dunha xornada termal en Ourense, a capital termal de España e sede desta Feira Internacional. Este paquete inclúe a viaxe en tren AVANT (ida e volta) desde A Coruña e desde Santiago, a recollida na estación, visitas guiadas ao centro histórico da cidade e ás áreas termais (baño opcional), o xantar nun restaurante, a visita a Termatalia e o traslado de regreso á estación. Este paquete está dispoñible para o venres 25 e o sábado 26 de setembro. Ten un custo de 59 euros desde A Coruña e de 49 euros desde Santiago, incluíndo por ese prezo todo o mencionado anteriormente.
Comité asesor
O comité asesor de Termatalia é a entidade que aglutina aos principais axentes do sector, públicos e privados, de toda a Península (tamén con representación europea e latinoamericana) e que puxeron en marcha as distintas accións de negocio como a bolsa de contratación turística, as roldas de negocios entre provedores e distribuidores, o Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo, a Cata Internacional de Augas, o fam trip con axencias de viaxes de toda a península ou a misión de prensa especializada, entre outros.
Na reunión de hoxe participaron a concelleira de Termalismo de Ourense, Isabel Castedo; a directora de Promoción da Axencia Galega de Turismo, Carmen Pita, e representantes de entidades como o Cluster de Turismo de Galicia, da Universidade de Vigo e de distintos grupos empresariais vinculados ao turismo e ao termalismo.











