Tellado interpreta que Caballero recoñece que o novo hospital é público ao construirlle un aparcamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O voceiro do PPdeG, Miguel Tellado, interpretou e celebrou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, “recoñeza por fin” a categoría de “público” ao novo hospital Álvaro Cunqueiro ao anunciar a construción dun aparcamento próximo, ao dar por feito que o rexedor “non estaría disposto a facer un parking público para un hospital privado”.

En rolda de prensa, Tellado celebrou este paso e subliñou que demostra que Caballero “mentiu” ao afirmar “durante anos” que o centro sería privado e lamentou que non adoptase “hai tempo esta decisión, porque podería xa “estar en funcionamento”.

Na mesma liña, asegurou ter a “sensación” de que o alcalde de Vigo fixo “oposición” ao hospital vigués para “facer oposición” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e tamén “sombra” ao líder do seu propio partido, o PSdeG, José Ramón Gómez Besteira, mediante “unha estratexia de promoción persoal”.

Moi crítico con esta “estratexia personalista”, o dirixente popular advertiu que “non se pode denigrar a sanidade pública para facer política” e remarcou a oposición do partido que lidera Alberto Núñez Feijóo con este tipo de actitudes.

“HABÍA TERREOS”

Tras afear a Caballero a súa actitude, ao afirmar que “primeiro non quixo ceder os terreos para a construción”, despois “negou os accesos” e por último “puxo trabas co transporte público e o aparcamento”, sinalou que o anuncio realizado polo alcalde tamén evidencia que este “non contou ao verdade ao afirmar que non tiña terreos”.

“Agora apareceron”, reflexionou, antes de recordar que foi a Xunta a que “comprou” os terreos para dar a Vigo “o que demandaba: un hospital novo que mellorase a atención sanitaria dos veciños da área sanitaria viguesa”.

18 de setembro de 2015 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.