Telefónica renova o seu compromiso coa UVigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O director de Telefónica en Galicia, Manuel Ángel Alonso, asinou esta mañá un convenio co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, polo que se renova o apoio á cátedra Telefónica para a Innovación Enerxética. A cátedra Telefónica para a Innovación Enerxética xorde dunha proposta entre a Universidade de Vigo e Telefónica para promover, difundir e realizar actividades e proxectos relacionados coa aplicación das tecnoloxías da información, as comunicacións, as tecnoloxías enerxéticas, a innovación social en xeral e a mellora de eficiencia enerxética en particular. O seu obxectivo é potenciar conxuntamente actividades e iniciativas de interese común nos temas relacionados co ensino universitario, a investigación e a innovación para a mellora da sociedade.

Dirixida polo catedrático José Cidrás, tras a firma hoxe do acordo encara así o seu terceiro ano de actividade, no que reforzará as súas iniciativas relacionadas coa organización de cursos e conferencias no contexto da innovación enerxética e social e o fomento de proxectos de Smart city-Smart energy, e de enerxía na Internet das Cousas en colaboración con Telefónica. Para o mes de novembro está prevista tamén a presentación xeral da cátedra Telefónica e de cursos e conferencias sobre a plataforma de hadware libre Arduino e a Internet das Cousas, nos que participará persoal especializado de Telefónica I+D. Tamén se continuará coa organización do Foro Tecnolóxico de Emprego e, entre os novos proxectos, contémplase a promoción de actividades relacionadas coas Smart-city-Smart energy, e de Energy Harvesting para a captación de enerxía no medio ambiente e a súa aplicación na electrónica de consumo. A cátedra intensificará tamén a súa colaboración con Galicia Open Future, a plataforma de apoio aos emprendedores galegos posta en marcha por Telefónica. Tamén se traballará na elaboración de propostas conxuntas con outras cátedras Telefónica de España.

11 de setembro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.