Suspéndese o xuízo contra unha rede que introducía heroína en Pontevedra tras renunciar ao seu avogado un acusado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Europa Press

Un xuízo que estaba sinalado para este martes na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra contra catro persoas acusadas de integrar unha rede dedicada a introducir diversas cantidades de heroína dende Murcia ata Pontevedra foi suspendido tras renunciar ao seu avogado un dos acusados.

Os catro procesados enfróntanse a unha petición de pena por parte do fiscal antidroga de nove anos e medio de prisión (oito anos por tráfico de drogas e ano e medio polo delito de constitución e integración de grupo criminal), así como a unha multa de dous millóns de euros.

Os acusados son un veciño de Moraña, José María D. P., de 35 anos; así como dous de Sanxenxo, Benxamín C. T., de 53 anos; e Ana Isabel V. O., de 32; e un cidadán albanés radicado en Pontevedra, Erion M., de 26 anos de idade. Precisamente foi este último o que renunciou ao letrado que tiña designado de oficio.

Erion M., que se atopaba en situación irregular en España, acusou o avogado de “faltar á honra do código deontolóxico da avogacía” e esgrimiu que o deixou “en estado de indefensión por non querer presentar todas as probas que en causa se vén pedindo”.

Este cidadán albanés, que permanece ingresado na prisión da Lama dende a súa detención, afirmou que renuncia ao seu avogado “porque carece de competencia” e acúsalle de actuar “con dobre xogo e non para os intereses do seu defendido”, polo que solicitou que se lle asigne unha nova defensa de oficio.

Segundo o Ministerio Público, Erion era o que tiña os contactos cos subministradores da droga no sur de España, e como xefe da rede negociaba as compras da heroína e posteriormente, unha vez a droga atopaba en Galicia, encargábase da súa distribución.

Segundo o fiscal, neste labor colaboraba a súa parella sentimental, Ana Isabel V. O., nacida en Sanxenxo.

TRANSPORTE ATA MURCIA

A Fiscalía considera que os outros dous acusados, José María e Benxamín eran os que transportaban a droga ata Murcia, nunhas caletas habilitadas nun vehículo Audi A3 propiedade de Benxamín.

Durante un deses transportes, o 31 de maio de 2014 foron interceptados na peaxe da AP-9 en Vilaboa, cun alixo de case dez quilos de heroína que, unha vez reducida a pureza quedou en 5,8 quilos desta substancia.

Nun rexistro policial nos domicilios dos outros dous acusados, Erión e Ana Isabel, acháronse unha balanza de precisión, diñeiro en efectivo e anotacións manuscritas de números de teléfonos, entre eles o do acusado Benxamín.

22 de setembro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.