Staffan Mörling presentará o venres 25 no Museo Massó a novela ‘Namoreime en Ons’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O profesor Staffan Mörling, coñecido polos seus traballos sobre as embarcacións tradicionais de Galicia e as dornas das illas Ons, presenta a súa última novela Namoreime en Ons no Museo Massó o vindeiro 25 de setembro ás 20.30 horas.

Esta novela, traducida ao galego e publicada pola Editorial Cumio, conta a historia de amor que viviu Mörling cando chegou a Ons para facer un traballo de antropoloxía e coñeceu á que hoxe é a súa muller, Josefa Otero, que aparece co nome de Xoana na novela.

Namoreime en Ons é un relato de amor que se desenvolve na España dos anos 1960, época de crecente benestar económico e… cun estilo novo de música. Fala dun amor que, por romántico, fai o sentimento botar as raíces profundas que toda relación necesita para ser estable e duradeira. Neste libro, o autor sueco fala do amor pola súa muller, dos primeiros pasos dados na conquista, pero reflexiona tamén arredor dos costumes das Ons, que tamén o namoraron.

Staffan Mörling herdou do seu avó un grande interese polos temas históricos, e da nai, unha notable sensibilidade cara aos idiomas. Mörling fixo a súa carreira académica na Universidade de Lund, na que se licenciou en Latín, Historia da Arte e Antropoloxía. Como antropólogo, documentou as embarcacións tradicionais de Galicia (1989), tema que seguiu desenvolvendo en Lanchas and dornas; cultural stability and boatshape on the west coast of Galicia (1999).

O autor, en colaboración coa súa muller, Josefa Otero, aplicou as teorías da nova etnoloxía, de orixe danesa, ao amplo material antropolóxico recollido polos dous na illa de Ons, publicando a obra Alá, no medio do mar. A comunidade da illa de Ons (2013). En recoñecemento dos seus méritos como profesor de Idiomas na Escola Naval Militar de Marín, foi galardoado coa Cruz do Mérito Naval. Ademais, o Concello de Bueu nomeouno Fillo Adoptivo e deulle o seu nome a unha rúa de Bueu

17 de setembro de 2015 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.