Sober finaliza a urbanización da rúa da Estación en Canabal e da praza de Doade
O Goberno local do Concello de Sober vén de rematar as obras de mellora e urbanización da Rúa da Estación en Canabal e da Praza de Doade. Son actuacións que se levaron a cabo con cargo á I Fase da Área de Rehabilitación Integral, que, no caso de Sober, beneficia á totalidade do Concello.
O investimento destinado a estas dúas obras foi de preto de 50.000 euros. O Concello de Sober achega o 60% dos fondos, mentres que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Ministerio de Fomento desembolsan o 40% restante.
Novas actuacións
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, avanza que “nas próximas semanas” se iniciarán traballos de mellora e urbanización con cargo a este mesmo plan na Praza do Campo de Pinol, en Naz, en Mer, en Rosende e na Pena de Proendos. Estas actuacións pendentes contarán cun orzamento de 70.000 euros financiados nun 40% con cargo a fondos do Ministerio de Fomento e o IGVS e o 60% de achega municipal.
O rexedor agradece a colaboración e entendemento dos veciños e veciñas polas molestias que as obras poden ocasionar mentres se levan acabo. “Melloramos a nosa localidade e facémola máis habitable para todos e todos, o que redundará nunha mellor calidade de vida, polo que cremos que traballamos na boa dirección”, conclúe Guitián.