Soamente os laser competiron na Coca Cola Series
Finalizou na Ría de Vigo, baixo a organización do Club Marítimo de Canido, o primeiro ciclo, a Coca Cola Series da Semana Abanca coas competicións de J70, vaurien, láser e 420. Na auga máis dun centenar de barcos con tres centenares de deportistas de Galicia, Portugal e Castela León, e con dominio dos regatistas dos Náuticos da Coruña e Vigo, e o pontevedrés Real Club de Mar de Aguete, que copaban as vitorias absolutas. Por Vigo, Carlina Bugallo (J70) e Pablo Cabelo-Javier Lago (Vaurien), pola Coruña Alvaro Sobral (láser radial) e Roberto Bermúdez de Castro (láser 4.7) e por Aguete Andrés Alvarez-PabloGarcía (420) e Rafael Campelo (láser standard). Agora tras a vela xuvenil, junior e senior tócalle a quenda á vela infantil, aos optimist que competirán en augas do Gran O Porto organizado polo Club de Vela Atlántico, o Meeting Cidade de Matosinhos o próximo fin de semana, que ademais conforma coa cita de Xixón da Ponte da Hispanidade, o Kinder Trophy.
Pouco vento o domingo en Vigo con excelente temperaturas. Os xuíces optaban por enviar á mar á flota ao fío das doce da mañá. Un vento de algo máis de cinco nós facía presumir que habería competición, pero soamente dúas das tres clases de láser lográbano; standard e radial (as dúas con maior superficie vélica). En standard sen novidade nos primeiros postos, pois o líder Rafael Campelo facía un segundo lugar co que sentenciaba. A prata era para o lusitano Serafim Gonçalves que gañaba nesta última manga, mentres que o terceiro para Roque Viejo do Marítimo de Oza O Puntal. Na outra clase de láser que logrou facer proba, a tranquilidade non existía porque estaba moi apertada a cabeza, e froito dun primeiro lugar de Alvaro Sobral e un cuarto de Nicolás Vázquez, este perdía a primeira praza. Ao final ouro para Sobral, prata para o vigués Basadre do Marítimo de Canido e bronce para que o que dominou nas dúas primeiras xornadas: o coruñés Nicolás Vázquez.
En resumo excelente comezo da Semana Abanca, con moitísimo ambiente e moita participación, onde os favoritos se impuxeron e non houbo grandes sorpresas. Os xuíces e xurados estiveron impecables, con dous campos de regatas un fronte ás Illas Cíes e outro na zona da Praia de Samil. O único pero o pouco vento da xornada de peche, a pesar diso as clases de láser completaron 7 mangas (fóra do láser 4.7 cunha menos), 3 vaurien e 420. A última hora de onte tivo lugar a Cerimonia de Clausura deste Ciclo 1 da Semana Abanca nas instalacións do Club Marítimo de Canido.











