Silvia Cameán:“O PP deixou sen saldo ao Concello para atender as reparacións máis habituais nos centros escolares da Coruña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, recordou este venres que o anterior Goberno municipal tan só deixou un saldo de 66 céntimos no contrato destinado ás necesidades máis habituais, relacionadas co mantemento, dos centros escolares. “Na primeira metade do ano o PP gastou todo o que estaba previsto para atender ás reparacións máis demandadas polos colexios: cristais rotos, billas, portas”, explica a edil.

Cameán comenta que na aplicación orzamentaria relativa á reparación, mantemento e conservación de edificios e outras construcións queda, na actualidade, unha cantidade dispoñible de 84.446 euros. “Con eses cartos poderíanse atender novas reparacións, pero esa partida só se pode destinar a obras de certa envergadura que superen os 3.000 euros”, indica a concelleira. “Isto, unido ás actuacións do anterior Goberno, que dilapidou antes das eleccións a partida destinada a cubrir as reparacións máis habituais, fai que o Concello teña moitos problemas para actuar nos pequenos arranxos que solicitan os centros educativos”, engade.

Malia todo, Cameán indica que o Concello, e en concreto o departamento de Xustiza Social e Coidados, “está a facer todo o posible para atopar unha solución a esta situación, herdada da anterior etapa de Goberno”. A concelleira explica que “este asunto xa se tratou con intervención, contratación e asesoría xurídica, e estamos tratando de buscar unha solución para poder afrontar o mantemento de aquí a que finalice o ano”.

A concelleira de Xustiza Social recorda que entre xaneiro e xuño deste ano, o anterior Goberno do PP gastou, mediante contrato, no mantemento de centros un total de 252.658,64 euros, “case o 100.000 euros máis que en 2014, cando non era ano electoral, e a cifra ascendeu a 156.100,26 euros”, indicou.

11 de setembro de 2015 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.