Sesión de cata de cervexa artesá na aula de cociña do Centro Comercial Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A aula de Cociña do Centro Comercial Arousa acollerá mañá xoves 24, ás 20:00 h., unha cata de cervexa artesá na que os asistentes aprenderán a recoñecer de forma práctica as súas principais características e diferenzas con respecto á industrial, e detectar aqueles trazos identificativos que se adaptan máis aos seus gustos persoais.

O taller, de carácter gratuíto, será impartido por Eneko Abad, experto de Cervezas Faxilda (Vilaboa, Pontevedra), que introducirá ao púbico na súa composición e proceso de elaboración, explicando curiosidades dos seus principais ingredientes como son o lúpulo – a planta que lle confire o sabor amargo e ese aroma tan distintivo- e a malta, base de toda cervexa.

A continuación, cataranse tres variedades de cervexa artesá –loura, tostada e negra- e ensinarase aos asistentes a apreciar os diferentes matices en canto a cor (fase visual), aroma (fase olfativa) e sabor en boca (fase gustativa) de cada produto, así como os pasos a seguir para realizar unha avaliación correcta e adecuada. Neste sentido, exercitarán o seu padal clasificando as diferentes notas de sabor presentes en cada variedade -cereal, froitas, lúpulo…- e descubrirán as calidades do corpo da cervexa –tupida, espumosa, lixeira ou compacta-, entre outras materias.

23 de setembro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.