Sergas e taxistas de Vigo chegan a un acordo para que se poidan ubicar na zona de consultas externas do Hospital Álvaro Cunqueiro
O Sergas e os colectivos de taxistas que traballan en Vigo e provincia chegaron hoxe a un acordo para que se poidan ubicar na zona de consultas externas e hospital de día do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC). Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, mantiveron un encontro cos representantes da Asociación Profesional Provincial de Autotaxis e da Asociación Provincial Autopatronos do Taxi de Vigo e Provincia, Manuel Álvarez e Manuel Chorén, respectivamente.
O obxectivo da reunión era “mellorar as condicións” dos profesionais á hora de realizar o seu traballo nas instalacións do HAC para o que se fixeron novas propostas sobre a ordenación inicial.
Como se tratou no encontro, terán unha parada na zona de consultas externas e hospital de día con arredor de 15 prazas. Outra das propostas foi manter o acceso ao aparcamento -2, sen custo, para deixar pacientes que así o desexen, e eliminar a parada inicialmente prevista neste andar.
Os taxistas manterán tamén as prazas previstas na ordenación inicial na zona da área hospitalaria e de urxencias, mantendo ademais 15 prazas na balsa situada no entorno da entrada principal.
Por último, a delegada da Xunta avanzou tamén que nos vindeiros días estará colocada xa a marquesiña para a parada de autobús.











