Semana repleta de cine e tapas en Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Non queda nada xa para a celebración da semana grande de Bueu. A oitava edición do FICBUEU arranca este ano con máis filmes, sección galega e actividades paralelas. Así, este domingo, 6 de agosto, xa haberá unha charla a cargo do profesor e investigador Salvador Castro, quen falará sobre as relacións entre cine e literatura e dese continuo debate de se o libro é mellor có filme ou viceversa.  O mesmo día, ás 21 horas o Auditorio de Cangas acollerá o visionado dunha escolma de curtas premiadas en anteriores edicións do festival. E xa a partir do luns, arrancará o visionado das curtas, para o que haberá dobre sesión, ás 20 e ás 22 horas, nas que se poderán ver as 28 curtas seleccionadas este ano. A novidade deste ano é que se incorpora ao inicio de cada sesión unha curta galega, da que se agarda que algúns dos directores poidan pasar a presentala, segundo adiantou o director do FICBUEU, Manuel Pena, o pasado luns na presentación. Cada ano este festival medra, e na presente edición rompéronse todas as expectativas xa que se presentaron un total de 2.087 traballos de 107 países diferentes.

No marco deste festival, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) xa comezou a decorar os establecementos afiliados coa campaña “Bueu ten un comercio de película”, polo que 27 locais buenenses xa decoraron os seus escaparates con motivos cinematográficos, facendo referencia a un filme clásico que a clientela deberá adiviñar, depositando os boletos na furna colocada na sala de exposicións Domínguez Búa.

E para os padais intelixentes, do 10 ao 13 de agosto, poderanse degustar 16 tapas diferentes que están elaboradas con produtos do mar, e a un custe de 1.80 euros. Segundo salientou Silvia Carballo, concelleira de Economía Turismo, e Sonia Cabodevila, encargada do Departamento de Desenvolvemento Local, este ano as tapas destacan pola súa orixinalidade e variedade.

Durante eses días, o restaurante Casa Quintela ofertará “mojito” de aguacate e marisco e quiche de verduritas e xoubas, o restaurante O Pazo sushiño de polbo con titilla e cesto crocante de pao santo con fideos negros e chipiróns, Chilau, cocotas de bacalau chilau e osobucco con salsa de ameixas. Pola súa banda, o Noite Tapas fará as galas con tapas tan misteriosas como o “Octopus revolution” ou o “Pecten X”, e o Rosalinda con polbo ó lume con maionesa de chile chiplote e o Aturuxo Bok  coa tosta de polbo. Por último, Café Bar Nuncia presentará  o arroz con polbo e salsa de curri e os fideos con bacallao e salsa o pinpin, a tapería D’Ons, os chipiróns D’Ons na súa tinta  e o revolto de algas con caviar de ourizo e O Farol, o polbo frito e os bocados de batea. Para ver a presenza destas tapas, desde hoxe está operativa a páxina www.tapeandoenbueu.com, onde se poden ver os establecementos participantes, coas tapas ofertadas e unha foto das mesmas.

O horario de degustación será de 12 a 15 horas e de 20 a 22 horas, aínda que os establecementos Casa Quintela, Chilau, Café Bar Nuncia e tapería D’Ons terán horario ampliado no que servirán tapas.

4 de setembro de 2015 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.