Semana de dobre cita para o Santiago Futsal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O plantel do Santiago Futsal ten por diante unha semana con dous obxectivos claros: conseguir o pase aos oitavos de final da Copa do Rei e sumar a primeira vitoria da tempada en Liga en casa do Levante UD DM.

Tras o encontro do pasado venres ante Movistar Inter, no que os nosos malgastaron todo o seu esforzo e entrega para poñer contra as cordas ao campión de Liga e Supercopa (2-4), e con apenas un día de descanso para retomar o traballo, o Santiago Futsal terá mañá outra dura proba do slálom ao que os celestes se medirán esta semana.

Mañá desprazaranse a Vigo para medirse ao Mosteiro Bembrive, da 2ª División B, no encontro de 1/16 de Copa do Rei (Vigo, 21h). Os de Santi Valladares terán que superar ao conxunto vigués a domicilio se queren asegurarse a praza nos oitavos de final do prestixioso torneo.

Con apenas 24 horas de marxe tras finalizar o encontro de Copa do Rei, a expedición celeste poñerá rumbo a Valencia o mércores ás 23.30h. Os xogadores do Santiago Futsal exercitaranse o xoves en terras valencianas e o venres mediranse ao Levante UD DM ás 21h no Cabañal, onde buscarán a primeira vitoria da tempada ante un rival directo na loita polas oito primeiras prazas.

28 de setembro de 2015 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.