Santomil destaca o compromiso coa protección e a posta en valor do petróglifo do Monte Castelo

Santomil na reunión coas asociacións veciñais
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, vén de manter unha xuntanza cun grupo de representantes da Asociación de Veciños de Covas e da Asociación Cultural Pedra do Fuso. Neste encontro, varios membros da Asociación Cultural Colectivo A Rula, achegaron información sobre o achado do petróglifo do Monte das Pedras ou do Monte Castelo, que está situado na parroquia de Covas. O Concello comprometeuse a realizar unha análise da propiedade, en colaboración cos veciños e veciñas, para a posterior limpeza da contorna e recuperación deste petróglifo. Ademais, propúxose a organización dunhas xornadas de información e sensibilización coa cultura rupestre e visitas guiadas polos xacementos.
Despois do importante achado do petróglifo do Monte das Pedras ou do Monte Castelo, que está situado na parroquia de Covas, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, mantivo unha xuntanza informativa cun grupo de representantes da Asociación de Veciños de Covas e da Asociación Cultural Pedra do Fuso, onde membros da Asociación Cultural Colectivo A Rula lle explicaron de forma detallada a situación actual deste petróglifo e doutros moitos que se atopan no concello de Ames. Este colectivo resaltou “o importante patrimonio co que contamos e a necesidade de conservación en moitos dos casos”.
O edil de Educación e Cultura , David Santomil, xa mantivera unha xuntanza de traballo coa Asociación Cultural Colectivo A Rula, como entidade localizadora do xacemento, no momento do seu redescubrimento para poder darlle unha resposta e información detallada á súa demanda. Este colectivo puxo en coñecemento do Concello que este achado xa fora comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, para a súa inmediata protección e tamén achegaron as súas propostas para preservar este xacemento considerado como un dos máis interesantes da Idade de Bronce na comarca compostelá, e que levaba medio século desaparecido.
Protección do patrimonio histórico
Dende a concellaría de Educación e Cultura explican que “asumimos un firme compromiso para preservar o noso patrimonio histórico e a nosa boa disposición a todas aquelas propostas e proxectos que podamos asumir e levar a cabo cun plan de actuación, para a mellora dos nosos xacementos, como crear novas rutas de sendeirismo, mellorar a súa sinalización, limpeza e creación de acesos, ao igual que a difusión do patrimonio e riqueza do Concello de Ames, que iremos perfilando nos vindeiros meses seguindo as recomendacións do colectivo A Rula”.
Ademais David Santomil destaca “a vontade de colaborar con este colectivo e facilitar a súa labor informativa e de sensibilización, debido ao importante potencial co que contamos”.
Por parte dos membros do colectivo a Rula, trasladaron a súa intención de “realizar un traballo conxunto cos concellos limítrofes de Teo e Santiago de Compostela”. Tamén destacaron “a importancia de poñer en valor o noso patrimonio histórico e a necesidade de sinalización, difusión e mantemento destes xacementos”. Estas propostas foron moi ben acollida polas persoas alí presentes.











