Santiago Futsal viaxará a Peñíscola en busca dos 3 primeiros puntos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

Santiago Futsal xa está preparado para a súa estrea ligueira este fin de semana. Os de Santi Valladares desprazaranse a Peñíscola para medirse ao Peñíscola RehahMedic o sábado ás 18.00 h na primeira Xornada de Liga. O conxunto da capital galega viaxa a este primeiro encontro concienciado de conseguir os 3 primeiros puntos da competición. Este é un desprazamento que se lles dá ben aos composteláns, xa que conseguiron puntuar nos seus dous anteriores encontros en terras valencianas (1-1 na tempada 13/15 e 3-5 na tempada 14/15).

Para o encontro do sábado, Santi Valladares conta con todos os seus efectivos a excepción de David Palmas que é baixa pola lesión que sufrí na pretempada na unión proximal músculo-tendón do recto anterior esquerdo da súa perna esquerda. Así mesmo, Hugo Sánchez será dúbida ata o último momento xa que sofre molestias no sóleo.

Os de Santiago viaxarán a terras valencianas esta mesma noite e adestraranse alí mañá en dobre sesión.

Sala de prensa

O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares, compareceu esta mañá ante os medios locais. En primeiro lugar, o adestrador galego referíuse ao estado no que chega o equipo a este comezo de Liga: “Traballamos duro durante todo este mes e o único que pensamos é empezar a competición e que cada partido sexan 3 puntos. O gusanillo témolo todos: os xogadores, o corpo técnico, o club e a afección. Na pista empeza a festa. “

Tamén falou dos obxectivos a priori do equipo para a campaña que empeza este fin de semana “Nós como club nunca deixamos de ter como obxectivos a Copa e os Play Off. Nós somos ambiciosos, queremos estar en todo. Malia que este ano a Liga está moito máis igualada e a oitava praza vai estar cara, imos facer todo o posible para estar aí, nós non imos dobrar o brazo. “

En canto á evolución do equipo dende a campaña pasada, o técnico galego afirmou “O equipo transmite algo diferente. As catro incorporacións que fixemos esta tempada dan un salto de calidade ao equipo. Son xente moi nova pero da que levamos moito tempo oíndo falar, agás Palmas que xa é de casa e é veterano no equipo. Ademais, os que levan dende o ano pasado deron un saltito máis e estamos moi contentos do que temos.

Para o encontro deste sábado Santi Valladares contará con dúas baixas importantes nunha posición clave, a de peche, que o técnico explica “Si que é certo que temos 2 baixas sensibles na posición de peche pero que teña que xogar aí o vai facer como o fixemos nos últimos 2-3 partidos, dándose de fociños con quen sexa. Temos xente preparada para actuar en calquera posición, aínda que non sexa especialista nela. Pero vano facer ben porque o resto o van axudar”

Do seu rival do sábado, Peñíscola RehabMedic, Valladares sinalou “Peñíscola FS fixo 4 boas fichaxes: Josito, Verdejo, Carlitos e Nakata. Aínda que mantén o groso do equipo do ano pasado; un equipo moi aguerrido que sabe ao que xoga. Imos ter que adaptarnos aos estilos de xogo que propoña Peñíscola FS”

Diego Quintela, xogador do Santiago Futsal e capitán do conxunto celeste a presente campaña, tamén se referiu ao salto de calidade do equipo e ao traballo que levan realizando dende Agosto “Estamos moi ben. Os adestramentos están a ser bastante bos. Te todos moitas ganas de que empece e estou seguro de que será un grande ano para todos. Ademais, este ano temos moi bos xogadores, con moita verticalidade, e estamos a tratar o balón mellor que o ano pasado, con posesións máis longas e con máis calidade. Melloramos moito. “

En canto aos obxectivos do equipo para esta tempada, o capitán mostrou a súa ambición e recalcou “Como xogador, a ilusión por xogar Copa e Play Off non a perdo nunca. O ano pasado eramos conscientes de que o obxectivo era a permanencia, pero este ano imos intentar estar aí. “

Diego Quintela cumprirá o seu primeiro ano como primeiro capitán do equipo, reto co que, o de Arzúa, se mostra moi contento “É un grao de responsabilidade maior, pero estou moi contento. Ídolos como Alemao, compañeiros aos que teño moito aprecio como Lucho e David, tamén foron capitáns no seu día. Espero facelo o mellor que poida, sempre apoiado do segundo e terceiro capitán, e do míster que me axuda a centrarme. “

Do rival do sábado, Diego Quintela dixo “Será un partido moi complicado contra un rival duro. Pero nós traballamos moi ben esta semana e se defendemos ben, poderemos xerar contras e finalizar con acerto. “

10 de setembro de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.