Santiago Futsal cae ante Mosteiro Bembrive

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de CompostelaVigo
A-
A+

Presentábase un encontro de moita intensidade no Pavillón Vicente Alvárez de Vigo, e máis cando ambos os conxuntos acumulaban 4 faltas aos 8 minutos de comezar o partido. As primeiras ocasións do partido chegarían da man do conxunto local, pero as intervencións de Marcos Vara evitarían o tanto do Mosteiro Membrive. Con todo, lograrían adiantarse no marcador grazas ao gol de Mario aos 9 minutos de partido.

Mediada a primeira parte e co marcador en contra, os de Santiago chegaron ás cinco faltas acumulativas, adversidade que non minguou as aspiracións celestes polo empate que conseguirían nun rexeite da meta local ao tiro de Dani Montes que fulminou Isma ao fondo da rede.

O pivote salmantino puido adiantar aos seus antes do descanso cun tiro de dobre penalti, pero o gardameta local logrou detelo e manter así o empate até o descanso.

Tras a continuación, de novo serían os de Bembrive os que protagonizarían senllas ocasións para adiantarse, pero Marcos Vara estaría contundente baixo paus para frear as acometidas locais.

A máis clara do Santiago Futsal tívoa Antonio Diz, pero o seu tiro desde a frontal da área marchouse rozando o pau, para sorpresa da meta local.

A nota amarga da noite viría mediada a segunda parte, cando Pablo Mel tivo que retirarse da pista axudado dos seus compañeiros por un golpe no xemelgo esquerdo. O xogador terá que ser sometido a probas para determinar se existe lesión.

Traspasado o ecuador da segunda parte, Mario non perdoaría para facer o 2-1 a favor dos locais, que volveron adiantarse no marcador e cuxa vantaxe xa non deixarían escapar.

Santiago Futsal apostou co xogo de cinco, con Álex Diz como porteiro-xogador, pero a pesar dos ataques máis elaborados da escuadra celeste, sería o Mosteiro Bembrive o que aproveitaría dous balóns recuperados na súa propia pista para facer o 3-1 no minuto 37 e o 4-1 só un minuto despois.

Antes de chegar á conclusión, Dani Montes reduciría distancias desde o punto de dobre penalti co 4-2 definitivo.

29 de setembro de 2015 | 22:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.