publicidade hoxe

San Sadurniño prepárase para recibir a Caravana da Marcha Mundial das Mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A cuarta acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres que se iniciou o pasado 8 de marzo -Día Internacional das Mulleres- está percorrendo Europa de leste a oeste para reivindicar a igualdade e os dereitos femininos. A Caravana Feminista que botou a andar no Kurdistán e que rematará en Portugal o 17 de outubro, Día Internacional da Loita contra a Pobreza, fará unha parada en San Sadurniño o próximo 6 de outubro para manter un encontro coas mulleres do rural.

O programa dese día aínda está perfilándose, pero xa se ten definido o esquema principal do encontro, que comezará ás 11.00h. cunha recepción oficial á Caravana. Despois presentaranse as distintas actividades que se foron desenvolvendo desde o inicio do camiño. O encontro quere implicar tamén ás mulleres de San Sadurniño, e de aí que estea prevista a súa participación nunha mesa redonda para expoñer o punto de vista feminino do rural galego. Un apartado no que tamán se agarda contar coas impresións do alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI que, uns días antes -o 1 de outubro- asistirá a unha sesión de sensibilización e de presentación da Marcha Mundial das Mulleres a cargo de Bárbara Primo, que é unha das coordinadoras do movemento na comarca.

Dentro dos actos programados tamén se prevé abrir na Casa da Cultura a exposición Miradas Novas, froito dos obradoiros de fotografía impartidos por Gabriel Tizón no marco dos obradoiros de memoria activa e en colaboración coa Aula CeMIT de San Sadurniño. As fotógrafas -case todas mulleres- contarán a súa experiencia nesta iniciativa que mesmo se trasladou a un audiovisual protagonizado por elas que tamén se proxectará durante a xornada.

A intención da organización é parar para xantar sobre as 14.30h. Se o tempo axuda -lembremos que por esas datas é cando adoita vir o famoso Verán de San MIguel- a comida faríase ao aire libre. A tarde reservarase para visitar a exposición de traxes tradicionais na Galería do Concello e, sempre dependendo do tempo, para visitar a horta de froiteiras do país Carlos Fornos e dar unha volta polo paseo fluvial.

A Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres sairá ás 18.00h. con destino a Narón, onde se desenvolverá unha palestra sobre ecofeminismo. Ao día seguinte, o 7 de outubro, estará en Betanzos e máis na comarca de Santiago. Finalizará o seu percorrido o 17 de outubro en Portugal, cadrando co Día Internacional da Loita contra a pobreza.

 

11 de setembro de 2015 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.