publicidade hoxe

San Sadurniño prepárase para a VII Xornada de Cultura Popular Galega organizada por Berros do Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Asociación folclórica e cultural Berros do Castro xa ten a punto a VII Xornada de Cultura Popular Galega que se celebrará este sábado na Casa da Cultura. Será un día intenso dividido en tres grandes bloques temáticos: un obradoiro con inscrición previa, unha exposición e unha sesión musical con entrada de balde. Desta vez a xornada leva o título de “De vinilos, teclas e foles”, xa que incluirá unha clase maxistral sobre acordeón a cargo do mestre Xan Pampín e unha mostra de vinilos antigos con gravacións de música tradicional. O peche -a partir das 20.00h.- correrá por conta do propio Pampín e de dúas prestixiosas formacións: Donas e Galáns de Ferrol e o coro Novo Aires da Terra, que recupera partituras e instrumentos da agrupación homónima fundada hai un século en Pontevedra por Perfecto Feijóo.

A mañá do sábado arrancará co obradoiro sobre recursos básicos para o acordeón na música popular impartido por Xan Pampín. Trátase dun curso intensivo de 6 horas de duración dirixido a aquelas persoas iniciadas no instrumento ou que desexen afondar no seu coñecemento. Ofrecéronse 30 prazas das que só quedan 4 dispoñibles. Desde Berros do Castro informan que hai de prazo ata o venres para cubrilas, ben mandándolles un correo a berrosdocastro@gmail.com ou chamando aos teléfonos 636 468 211 / 626 140 798 / 669 795 418, onde ademais de apuntarnos tamén nos informarán sobre o custe desta actividade.

Pampín falará, entre outras cuestións, do funcionamento do instrumento, de como debemos colocalo e que postura corporal hai que adoptar para tocalo antes de meterse de cheo no repaso de ritmos e de técnicas tanto de interpretación como de acompañamento. A clase, ofrecida por un dos acordeonistas máis reputados do país, repartirase entre a mañá e a tarde. De feito, cara ás 20.00h. Xan Pampín ofrecerá un concerto didáctico que abrirá as actuacións musicais con entrada gratuíta.

Tralo acordeón subirá ao escenario da Casa da Cultura a Agrupación Folclórica e Cultural Donas e Galáns de Ferrol, nacida en 1983 co obxectivo de difundir o folclore galego dentro e fóra do noso país. Porén, entre os seus obxectivos tamén se encontra a recuperación, a reparación e a posterior presentación de roupas, instrumentos, coreografías e cancións que forman parte da tradición cultural e musical galega.

A clausura da xornada correrá por conta do coro Novo Aires da Terra, xurdido en 2014 co ánimo de facer soar de novo as pezas do mítico coro pontevedrés “Aires da Terra” fundado por Perfecto Feijóo e desaparecido hai 100 anos. O seu repertorio está baseado case exclusivamente na colección Feijóo, o arquivo de cantos e melodías que este farmacéutico recompilou a finais do século XIX. Con todo, o Novo Aires da Terra emprega tamén outros cancioneiros, como o propio Feijóo facía. Nas pezas que interpretan usan copias das gaitas de Manuel Villanueva, así como reproducións do tambor e do bombo que este coro empregaba nas súas actuacións, co que intentan recuperar dun xeito fiel a sonoridade do coro orixinal. 

O terceiro bloque da VII Xornada de Cultura Popular Galega, o expositivo, estará aberto durante todo o día no recibidor da Casa da Cultura e nel poderemos ver unha ampla selección de portadas de discos en vinilo da música tradicional do país. As portadas son cesións temporais de diversas entidades e persoas moi vencelladas coa cultura musical galega, como por exemplo: Xan R. Silvar (Raparigos), Emilio Españadero (RTVG) ou fondos propios da AFC Berros do Castro.

Nesta actividade que a asociación leva desenvolvendo desde o ano 2009 colaboran, ademais do Concello, a Deputación da Coruña, a Consellería de Cultura e Turismo, a AFC Donas e Galáns e a Cooperativa de Meirás.

Exposición de traxes na Casa do Concello

Como complemento da Xornada organizada polos Berros do Castro, Donas e Galáns tamén abrirá este martes na Casa do Concello unha exposición con varios dos seus traxes galegos. A galería municipal encherase con vestimentas tradicionais de muller e de home, unhas orixinais e outras de nova confección seguindo modelos antigos. 

A colección é froito dun longo proceso de recuperación do traxe emprendido hai varios anos por esta agrupación ferrolá coñecida principalmente polo seu traballo no eido da música e do baile tradicionais. A mostra estará aberta ata o 23 de outubro e poderá visitarse na galería do primeiro andar da casa consistorial de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h. e os sábados de 9.30 a 13.00h.

21 de setembro de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.