publicidade hoxe

San Sadurniño porá a disposición do emprendemento 12 locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O centro municipal de empresas, situado enriba da Escola infantil A Rolada, cada vez está máis preto de acoller iniciativas. A firma ARECO S.L., adxudicataria das obras cofinanciadas pola Deputación, rematou recentemente os traballos de preparación das estancias, que terán capacidade para 12 empresas. En total investíronse case 58.000 euros en facer as divisións interiores e en instalar as redes de datos e electricidade. A intención municipal é amoblar os espazos comúns o antes posible e convocar o procedemento de ocupación. Neste sentido, o Concello está ultimando o regulamento de adxudicación das oficinas e maila ordenanza que establecerá uns alugueiros pensados para cubrir os custes de mantemento anual da infraestrutura.

O centro empresarial conta con 400 metros cadrados de superficie repartido en 12 espazos independentes de entre 8,5 e 21,78 metros cadrados, ademais de ascensor, aseos, un almacén, cuarto de servidores e unha sala de xuntas. Encóntrase en pleno centro de San Sadurniño, onde -segundo sinalan desde o departamento de Desenvolvemento local- non hai suficientes locais en alugueiro para atender a demanda existente e por prezos asequibles. Unha necesidade que está detrás deste proxecto dirixido principalmente a profesionais que non precisen demasiado sitio para asentar o seu negocio ou que estean botando a andar no mundo empresarial.

A idea é simple: ofertar pequenas oficinas con servizos comúns -limpeza, calefacción, internet, sala de reunións, reprografía, etc.- e marcar un alugueiro que dea para os gastos das instalacións. Uns custes que están sendo avaliados nestes momentos e que serán a base da futura ordenanza que cumprirá aprobar antes de ocupar o recinto. En principio os alugueiros irían por metro cadrado e ano e, tamén en principio, marcaríase un periodo inicial de uso por 5 anos, xa que desde o Concello se considera que é tempo máis que abondo para que calquera iniciativa se asente. 

Aos espazos poderían optar tanto emprendedores e emprendedoras como pequenas firmas que xa están funcionando e que queiran dispor dunha sede física asequible na que traballar ou atender ao público. Iso si, sempre e cando a súa actividade se axeite ás características das instalacións. 

O proxecto non só busca ofrecer espazo, senón tamén promover a creación de emprego, a diversificación económica e, sobre todo, que as empresas residentes no centro creen sinerxias entre elas coas que iniciar novas liñas de negocio. En todos os casos poderán beneficiarse do asesoramento gratuíto que brindan as oficinas de Desenvolvemento Local e de Orientación Laboral en materias como o estudo de viabilidade, a procura de axudas e subvencións ou a prospección de actividades con posibilidades de futuro. 

Aínda non hai data fixada para a apertura do centro. O goberno local aclarou que antes cumprirá aprobar en pleno o regulamento de uso/xestión e a ordenanza pola que se rexerán os alugueiros. Con todo, o horizonte que se marca é o de telo todo listo antes do remate do ano.

Na última fase do centro municipal de empresas -a do acondicionamento dos locais- supuxo un investimento de 57.800 euros. Esta contía financiouse con cargo á liña de créditos provincial denominada P.A.I. (Plan de Aforro e Investimentos), que lle achegou a San Sadurniño un total de 207.000 euros para tres actuacións: o propio centro empresarial, a casa da mocidade que se está executando nunha parte da antiga casa consistorial -84.000 euros- e o arranxo de varias pistas no municipio, cunha partida total de 53.000 euros.

18 de setembro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.