publicidade hoxe

San Sadurniño abre o prazo de inscrición para as escolas municipais de cultura e deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Desde este luns 21 de setembro está aberto o prazo de inscrición na temporada 2015-2016 das escolas deportivas e culturais que ofrece o Concello. Música, gaita, percusión, pandeireta, ximnasia de mantemento, ximnasia para persoas maiores, fútbol e volei son as opcións entre as que escoller, complementadas con outras organizadas por entidades e asociacións. Todas elas arrancarán a primeiros de outubro e para apuntarse nas municipais só hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) e, no caso das escolas deportivas, contactar directamente co Aldebarán de volei e co C.F. San Sadurniño, que son quen as xestionan.

A chamada cómpre facela para ir xuntando grupos en cada disciplina, xa que son necesarias un mínimo de 8 persoas para poñer a andar cada escola. Tan pronto como haxa grupo feito confirmarannos a inscrición tamén por teléfono así como a data de inicio. Este ano mantéñense os prezos das escolas: 15 euros de matrícula e despois unha cota trimestral de 19,32 euros para persoas menores de 18 anos e maiores de 65 e de 28,97 para aquel alumnado que estea entre os 18 e os 65 anos. Sobre estes prezos aplicarase unha bonificación dun 50% se se dispón do Carné Xove -mozos e mozas de entre 12 e 30 anos- e sempre que se solicite previamente. O carné pode tramitarse na Oficina de Orientación Laboral e, unha vez obtido, pode pedirse a bonificación presentando no rexistro unha solicitude xenérica.

Unha das principais novidades para o ano que entra é que se amplían as vías de pagamento. Poderase seguir pagando na Casa da Cultura pero, ademais, tamén haberá a posibilidade de ingresar directamente na conta do Concello de San Sadurniño ou ben solicitar a domiciliación dos recibos no momento de ir facer a matrícula.

Os cursos que se ofrecen son 10: ximnasia de mantemento, ximnasia para persoas maiores polas sete parroquias, fútbol, voleibol, música -niveis 1 e 2-, pandeireta, gaita, bombo e tambor, nas que o ano pasado participaron máis dun cento de persoas.

Outras actividades

Ademais da programación municipal, en San Sadurniño temos opción de aprender máis cousas por iniciativa privada ou de asociacións de veciños. Así, O Castelo e a Asociación de Veciños de Santa Mariña ofertan cadanseu curso de acordeón. Por outra banda, os profesores Iliá e María Keilin teñen previsto iniciar en breve a formación en piano, violonchelo, guitarra e solfexo que se impartirá -previsiblemente- na Casa da Xuventude. Para obter máis información hai que chamar ao 609 816 872. 

Cómpre lembrar tamén que está aberto o prazo para apuntarse nos cursos de idiomas -Inglés, Portugués e Galego- que ofrece a academia Edinan en colaboración co Concello. Sobre eles hai máis información nos teléfonos 650 198 917, no correo info@centrodeestudiosedinan.es e na Oficina de Orientación Laboral, no 981 490 027 ext. 2.

En canto á actividade física, na temporada que entra volverá haber Ioga. Neste sentido o Centro Mahashakti organizou unha charla pra o próximo 29 de setembro ás 20.30h. na Casa da Cultura para falar dos beneficios desta disciplina que combina a relaxación de corpo e mente. Porén, quen queira apuntarse pode chamar xa aos teléfonos 605 003 782 e 981 948 168. Ademais de Ioga, tamén é posible que se organicen sesións de Tai-Chi terapéutico a cargo do profesor Pedro Luís Polo. Quen queira ver de que se trata ten unha boa oportunidade o día 2 de outubro ás 18.00h. na praza do Convento do Rosario, onde Polo ofrecerá unha exhibición aberta a calquera persoa entre os 16 e os 60 anos. O Tai-Chi mellora a relaxación, a conciliación do sono e o descanso e serve de axuda para estabilizar a presión sanguínea e na recuperación de lesións.

Quen xa anda preparando a nova temporada é a asociación de danza e rítmica Club Brío e por iso está ofrecendo durante setembro clases abertas de ximnasia rítmica para aquelas familias que queiran apuntar nelas aos seus nenos e nenas. Desenvólvense os luns de 16 a 17.30h. e os xoves de 17.30 a 19.00h. no pavillón municipal. Abonda con pasar por alí para ver en que consiste a actividade e inscribirse, aínda que tamén se lles pode mandar un correo a brio09@ymail.com ou chamar ao teléfono 633 681 251.

Canda a ximnasia rítmica é posible que San Sadurniño tamén acolla clases de Zumba, aínda que neste caso impartidas no ximnasio do CPI e impartidas pola empresa Espacio Garabatos. Teñen previsto facer tamén varias sesións abertas para que a xente se anime a participar nun xeito distinto de bailar e facer exercicio ou de facer exercicio mentres se baila. A data da exhibición participativa aínda non está fixada. 

21 de setembro de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.