publicidade hoxe

San Sadurniño abre o prazo de inscrición no programa Espazos das Familias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Desde este primeiro de setembro e ata o día 16 estará aberto o prazo para inscribirse en Espazos das familias, un programa dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos que tomou o relevo do desaparecido Preescolar na casa. Con el búscase apoiar as familias na educación dos fillos e fillas ofrecendo un espazo onde a cativería se relacione entre si e onde compartan xogos cos papás e mamás que axuden no seu desenvolvemento.

Espazos das familias céntrase nunha etapa da infancia na que os meniños empezan a descubrir o mundo que os rodea e na que se vai conformando a súa personalidade. Por iso as sesións se centran, principalmente, en que xoguen e vaian establecendo relacións sociais con outros nenos e nenas fóra do seu contorno inmediato.

As sesións tamén perseguen que os pais e nais aprendan todo o que hai que saber sobre o crecemento infantil, sobre a necesidade de que todo o nucleo familiar se implique no labor educativo dos novos membros e, máis que nada, sobre como levar a cabo unha crianza dos nenos e nenas responsable e igualitaria.

As inscricións neste programa poden facerse ata o 16 de setembro no departamento de Servizos Sociais -programa de Educación Familiar- e hai máis información nos teléfonos 981 490 027 e 673 903 922. Unha vez rematado o prazo de inscrición farase unha xuntanza para establecer os horarios e os grupos definitivos.

Este programa municipal cofinanciado pola Deputación da Coruña ofrece 24 prazas que se cubrirán por orde de solicitude e con prioridade para as familias empadroadas en San Sadurniño. Espazos das familias comezará previsiblemente a primeiros de outubro e, como en anteriores edicións, as sesións terán lugar na Casa da Cultura cunha periodicidade quincenal ata finais de maio do ano que vén.

1 de setembro de 2015 | 11:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.