“Salseiro”, “Argallán” e “Meltemi” gañan a XXX Regata da Amizade
Finalizou a 30ª edición da tradicional REGATA DA AMIZADE que organiza o Real Club Náutico da Coruña co patrocinio de “Coruña The Style Outlets” para a clase cruceiro e J80, que pecha a tempada de verán en Coruña.
Con puntualidade, deuse a saída ás 15.00 horas desde o interior do porto coruñés cun vento do nordeste 5-7 nós de intensidade. O primeiro tramo da regata até a baliza da “Guisanda” foi complicado debido aos continuos cambios no vento, que complicaban o poder navegar cos spinnakers, “Salseiro” de Manuel Blanco e o “Bunda” de Jacobo Solórzano, que navegaban igualados, lideraban a proba nos primeiros compases. Tras virar a baliza da “Guisanda”, os barcos da Clase 1-2 dirixíronse a unha baliza no interior da ría de Sada, mentres que os J80s e a clase 3-4 navegaban cara á baliza do Porto Exterior de Ferrol, o vento aumentou de presión alcanzando os 10-14 nós do nordeste, deixando un día de navegación perfecto, con sol, vento e boa temperatura.
En categoría 1-2 a vitoria foi para o “Salseiro” de Manuel Blanco por diante do “Gómez” de Andrés Soto, mentres que en clase 3-4 impúxose o “Argallán” de Domingo Plana por diante “Zóspiro” de Guillermo Blanco e do “Pingón” de José M. Naveiro, en clase J80 o vencedor sería o “Meltemi” de Fernandez-Iglesias, e en clase Especial, os barcos máis amateaur da flota impúñase o “Faro de Oza” de Paula Correa, por diante de “Carozo” de Maxi Casares.
A partir das 19.00 horas, con todos os barcos atracados en porto, comezou a tradicional “Festa da Amizade”, no pañol do Real Club Náutico da Coruña, que este ano contou coa colaboración de “Coruña The Style Outlets” realizando un desfile, presentado por Terio Carrera, coas últimas tendencias deste outono- inverno das tendas que compoñen o Centro. Tras o “desfile de moda” e o tradicional “sorteo de agasallos” para todos os barcos participantes, pechouse a xornada cunha cea mariñeira para todos os regatistas e acompañantes, durante a cal puideron comentar os pormenores dunha magnífica xornada de navegación e confraternización, que se prolongou até ben entrada a noite.











