publicidade hoxe

Román Rodríguez inaugura o curso escolar en infantil e primaria no CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal Portada
A-
A+
Román Rodríguez en Forcarei

Román Rodríguez en Forcarei

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou esta mañá ás alumnas e alumnos do CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei) no seu primeiro día do curso 2015/2016. O período lectivo comeza para eles e para máis de 200.000 escolares de infantil, primaria e educación especial, un inicio de clases que, segundo salientou o titular do departamento educativo da Xunta, transcorreu con total normalidade nos centros das 4 provincias galegas.

No seu percorrido polo centro, Román Rodríguez interesouse polo funcionamento do proxecto Abalar e animou ao equipo directivo e docente a solicitar participar no proxecto de educación dixital E-Dixgal, ao abeiro do que o alumnado pode acceder aos materiais curriculares de balde. Tamén animou ao Nosa Señora das Dores a pedir de novo a súa incorporación ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe).

Ademais, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que este curso se completa a introdución da LOMCE en Primaria, polo que se trata dun inicio de curso “singular”. A maiores, séguese afondando nos programas para potenciar as novas tecnoloxías, o ensino plurilingüe, así como para fomentar a mellora da convivencia nas aulas co obxectivo de ir camiñando, en palabras de Román Rodríguez, cara “un sistema cada vez máis próximo á excelencia”.

Neste sentido recordou, ademais, que a Consellería está a traballar na segunda fase do ‘Plan de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe’ (LÍA), que avanzará na incorporación no libro dixital nas bibliotecas escolares galegas, o deseño de accións para mellorar os hábitos de lectura en colectivos como o alumnado de ciclos formativos ou adolescente, ou a posta en práctica de programas para a mellora da competencia informacional e mediática do alumnado galego, entre outras accións.

Durante a súa visita, Román Rodríguez estivo acompañado polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Centros, José Manuel Pinal; e o xefe territorial na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.

Arranque sen incidencias

Respecto do inicio das clases, o conselleiro explicou que non se rexistraron incidencias significativas no que atinxe á xestión da Consellería cos centros. No referido ás puntuais reivindicacións de comunidades educativas que retrasaron nalgún punto o inicio das clases, cómpre sinalar que a Consellería xa valorou pertinentemente as súas peticións e axustou a dotación dos centros ao marcado polos catálogos e pola valoración dos equipos de orientación dos centros. En calquera caso, o departamento educativo da Xunta garante a axeitada atención ao alumnado e á súa diversidade co persoal consignado neste momento.

Ademais da actividade lectiva, hoxe comezaron tamén a funcionar os servizos complementarios de comedor escolar para 72.016 usuarios, e de transporte, cos pertinentes cambios nas rutas para axustalos á realidade do alumnado deste curso.

10 de setembro de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.