Román Rodríguez gaba o traballo do persoal universitario nun encontro organizado pola UIMP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Román Rodríguez no encontro organizado pola UIMP. Foto: M. Fuentes

Román Rodríguez no encontro organizado pola UIMP. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou hoxe o traballo de todo o persoal universitario que contribúe ao correcto funcionamento das diferentes institucións porque –destacou– son “peza clave” dentro do sistema. Así o subliñou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia con motivo da inauguración do encontro “O Réxime Xurídico do persoal do SUE e do SECTI: a estudio”.

Trátase dunha xuntanza que abordará a evolución do sistema universitario español dende un punto de vista xurídico co obxectivo de intercambiar ideas e coñecementos para tecer precisamente un marco legal máis simple e claro de cara ao persoal que traballa nel.

Ademais, o conselleiro lembrou que a Consellería traballa para que o actual marco normativo no que se move a universidade galega redunde na cooperación universitaria e na modernización do Sistema Universitario Galego, dous obxectivos que tamén persegue o novo Plan de Financiamento 2016-2020.

Transformación e futuros obxectivos

O encontro, organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), incidirá nos cambios que nos últimos anos sufriu o Sistema Universitario Español (SUE) e o Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación (SECTI), unha transformación propiciada pola proliferación de leis e desenvolvementos regulamentarios que afectaron, sobre todo, aos recursos humanos.

Por isto, esta xuntanza propón unha serie de conferencias co fin de valorar e reflexionar en torno ás mudanzas acontecidas, para así abordar os futuros obxectivos e camiños polos que debe ir o SUE e o S ECTI co fin de dotarse, se é o caso, dun renovado réxime xurídico.

24 de setembro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.