Rocío Mosquera censura a filtración do historial da muller con ‘aspergillus’ de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, censurou este venres a filtración do historial da muller con ‘aspergillus’ que faleceu a principios de setembro na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro, e manifestou que a investigación que rodeou o caso continúa aberta.

En declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo, indicou que “unha das cousas máis dolorosas que -lle- aconteceron, como conselleira e como médico, foi ter que ler unha historia clínica dun paciente nun medio de comunicación”.

Sobre iso, remarcou que esa é “unha liña vermella” que non se pode consentir, posto que “a historia clínica dun paciente ten un grao de confidencialidade e segredo profesional que en ningún caso se debe traspasar, e neste caso se traspasou”.

Así as cousas, pediu deixar traballar os inspectores que continúan coa investigación, que “é un labor lento pero seguro”. Precisamente sobre esta investigación, recordou que das tres liñas de investigación que abriu a inspección sanitaria, hai “resultados da primeira parte”, sobre a seguridade, sobre todo das UCIs.

“Esa concluíu que as condicións estruturais, de proceso e de resultados eran correctas de acordo coa normativa en vigor e as recomendacións na posta en marcha dun novo hospital”, afirmou.

Ademais, mantivo que na actualidade os inspectores “están a traballar” nas outras dúas liñas sobre as que aínda non teñen resultados: as actuacións que se levaron a cabo coa paciente e “a filtración ou poñer fóra dun contexto clínico unha historia clínica”.

25 de setembro de 2015 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.