Rocío Fraga foi designada vogal da comisión executiva do Fondo Galego de Cooperación para os próximos catro anos
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, vén de ser elixida como vogal da comisión executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, durante a asemblea xeral que o organismo celebrou na mañá deste martes na sede da Fegamp, en Santiago, e que serviu para aprobar a renovación orgánica. “Cómpre poñer en valor a importancia de participar en redes deste tipo, que serven como punto de encontro e para dar a coñecer o traballo que se fai en Galicia”, salientou a responsable municipal ao remate da sesión.
Á asemblea de hoxe estaban chamados os e as representantes dos 85 concellos e das dúas Deputacións, a da Coruña e a de Lugo, que se integran no Fondo Galego, unha xornada que serviu para abrir a lexislatura para os vindeiros catro anos e someter a aprobación a composición da nova comisión executiva. Nela tamén se abordou a crise migratoria e de persoas refuxiadas e dos obxectivos das cidadesrefuxio, unha análise que servirá de base para futuras decisións do organismo ao respecto.











