publicidade hoxe

Ribadumia despídese do verán con festa de espuma e festa de inchables na piscina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O  Concello de Ribadumia despide o verán con dúas festas programadas ao longo desta semana para os máis pequenos. Por un lado, este xoves terá lugar na Praza do Concello a “Festa da Espuma”, actividade do programa “Xoves Animados” que nun principio estaba programada para o pasado xoves 27 de agosto pero finalmente cancelada ante a previsión de choiva.

Ante a boa previsión meteorolóxica que se espera para esta semana, a actividade desenvolverase o xoves 3 de setembro na Praza do Concello en horario de 18:00 a 19:00 horas.

Esta será a última actividade dos “Xoves Animados” que se desenvolveu ao longo dos meses de verán, e dende o Concello de Ribadumia espérase a boa acollida que xa se presentou ao longo das anteriores actividades. A concelleira de Cultura, Mar Rey, asegura que “estamos moi contentos coa participación por parte dos nenos e das familias, participación que foi a máis en cada actividade”.  

A Praza do Concello acolleu neste verán actividades tan variadas como un karaoke, toro mecánico, teatro, globoflexia e moitas máis nos “Xoves Animados”, que agora se dará por clausurado coa Festa da Espuma. 

Clausura da piscina municipal 

Por outro lado, a piscina municipal de Cabanelas acolle este sábado 5 de setembro a Festa Clausura da piscina con inchables e animación para nenos. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, os rapaces do municipio serán os protagonistas de numerosas actividades organizadas dentro e fóra da auga, con inchables e animación. 

Trátase da festa da piscina organizada pola Concellería de Deportes e Xuventude do Concello de Ribadumia que dará clausura ao horario de piscina desta tempada estival. As instalacións de Cabanelas manteranse abertas ata as 20:00 horas, hora de remate da festa.

A piscina municipal de Cabanelas converteuse un ano máis no lugar escollido por numerosas familias e grupos de amigos. Desde a apertura da piscina na primeira semana de xullo o Concello de Ribadumia expediu máis de 580 carnés de acceso á instalación e vendéronse preto de 2250 entradas, cifras que cada ano vese en aumento. 

1 de setembro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.