Regades e Rivas reafirman a súa inocencia e Isaura Abelairas insiste en que non recibiu regalos de Eiriña
O concelleiro de Fomento de Vigo, David Regades, e o de Parques e Xardíns, Ángel Rivas, reafirmaron este venres a súa inocencia tras coñecerse que foron imputados no marco da ‘Operación Patos’. Así mesmo, a concelleira Isaura Abelairas volto negar recibir regalos da empresa Eiriña.
Os tres edís pronunciáronse en senllos comunicados de prensa, emitidos despois de que se coñeza a decisión da xuíza de instrución número 7 de Vigo de imputalos a eles tres e a outros 43 políticos, empresarios e funcionarios, ademais de manter os cinco imputados iniciais, na causa xudicial da ‘Operación Patos’.
En canto a Abelairas, a Fiscalía indica que puido aceptar xoias da mesma empresa, algo sobre o que ela insistiu en que “nunca recibiu regalo ningún da empresa Eiriña”, unha das empresas investigadas no marco da causa.
Ademais, Ángel Rivas -imputado noutra investigación sobre a subministración de formigón a obras municipais- e David Regades, as imputacións das cales gardarían relación con supostas irregularidades na tramitación de obras e coa recepción de regalos de empresas, reivindicaron, “unha vez máis, a súa inocencia.
Así, Rivas recalcou que “todas as súas actuacións se desenvolveron no máis estrito cumprimento da legalidade” e Regades incidiu en que “sempre operou de forma recta e xusta” e volveu remarcar que “non hai ningunha proba nin a haberá nunca porque é absolutamente falso”.











