publicidade hoxe

Raquel Arias supervisa o comezo das obras de mellora da estrada LU-611 ao seu paso por Taboada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoTaboada
A-
A+
Raquel Arias en Taboada

Raquel Arias en Taboada

A delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Raquel Arias Rodríguez, supervisou esta mañá o comezo das obras de mellora da estrada LU-661 ao seu paso polo concello de Taboada. Arias, que estivo acompañada durante a súa visita polo alcalde da localidade, Ramiro Moure, considera que “estas actuacións beneficiarán a todos os usuarios desta vía porque, ao mellorarse o firme, aumenta a comodidade dos conductores, á vez que se converte á estrada nun espazo máis seguro”.

Os traballos, promovidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, acométense coa finalidade de reparar o firme e limpar as marxes de todo o treito de actuación, entre o núcleo de Taboada e Sonán.

Precisamente os traballos que se están a realizar neste intre e que principiaron a pasada semana consisten na limpeza das marxes e o formigonado das cunetas, o que redundará na mellora da recollida das augas de drenaxe e, en consecuencia, aumentará a durabilidade do pavimento.

Posteriormente e tras eliminar as deformacións que presenta a calzada, procederase a asfaltar os seis quilómetros de estrada no que se actúa, entre os puntos quilométricos 30 e 36, aplicando unha nova capa de mestura bituminosa de cinco centímetros de espesor. As obras, que teñen un plazo de execución de seis meses, inclúe tamén o repintado da vía.

A Xunta de Galicia inviste nestes traballos 388.414,855 euros.

No transcurso da visita a delegada territorial adiantoulle ao alcalde que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten previsto ampliar a actuación nesta estrada a outros tres quilómetros para o que se está a traballar xa na redacción do proxecto, o que suporá a execución dunha segunda fase.

“Esta é”, segundo asegurou Raquel Arias, “unha boa nova para todo o concello e localidades próximas, e constitúe outra aposta da Xunta polo progreso da zona a través da implementación de actuacións concretas coma esta na rede viaria”.

14 de setembro de 2015 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.