publicidade hoxe

Protección Civil de Padrón celebra o seu 20 aniversario este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrón
A-
A+

O Campo da Insua (A Ponte) acollerá este sábado, 26 de setembro, os actos conmemorativos do 20 aniversario da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Padrón. A agrupación acada este aniversario con máis de 9000 intervencións rexistradas. As actividades previstas comezarán ás 11.00 horas sendo ás 12.00 o acto de entrega de condecoracións e agradecementos a entidades colaboradoras. Dito acto contará coa presenza do alcalde, Antonio Fernández, concelleiros e, entre outras autoridades e xefes das distintas unidades presentes, do director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor e unha representación da Xefatura Provincial de Protección Civil. Entre as restantes institucións ou colectivos de emerxencias participantes cómpre mencionar a Policía Autonómica, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) bombeiros do parque Deza-Tabeiróns, o G.E.S de Padrón e Valga, así como varias agrupacións de Protección Civil de distintos concellos de Galicia.

As 11.00 horas dará comezo a xornada cunha exposición de material e vehículos de emerxencias. Xa ás 12.00 horas procederase á entrega de condecoracións a membros de protección civil de Padrón e agradecementos a outras agrupacións ou entidades colaboradoras .Tamén ás 12 horas producirase a presentación da unidade canina de rescate da agrupación local, UCAR. Esta está integrada por cinco cans operativos e as súas funcións consistirán na localización de persoas desaparecidas por rastreo.

Xa na tarde celebraranse varios obradoiros, entre os que destacan entre o de asistencia sanitaria, os de detección de olores con cans ou obediencia canina. Estes comezarán a  partires das 15.30 horas aproximadamente. A fin da xornada estará protagonizada por un simulacro de rescate no Ulla, xusto ao carón do Campo da Insua, no cal participarán membros das agrupacións de Protección Civil de Padrón, Santiago, Rois, Porto do Son, Pontecesures, Valga, Vilagarcía, Caldas de Reis, a Policía Autonómica, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) bombeiros do parque de Deza-Tabeirós e membros do G.E.S. de Padrón e Valga. Ademais, a xornada contará con actividades infantís e acuáticas destinadas a todo o público e gratuítas polo que aconséllase o uso de roupa cómoda e de baño.

24 de setembro de 2015 | 11:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.